¿Sabías que...?
O punto e as comas
O punto
O punto indica a fin dunha oración ou dun período. Sinala unha pausa e obriga a escribir con maiúscula a seguinte palabra. Se hai cambio de parágrafo chámase punto e á parte. O punto seguido e o punto e á parte indican as maiores pausas que se fan nun texto (maior que a indicada pola coma, o punto e coma ou os dous puntos).
Punto e seguido Cando unha maiúscula inicial abre unha oración o punto e seguido cérraa. É dicir que todas as frases que empezan con maiúscula rematan tamén con punto. Como exemplo vale esta mesma oración que rematamos agora con este punto. Punto e á parte Utilízase para separar parágrafos e marcan ideas diferenciados.
Punto e final Utilízase para marcar a fin dun texto.
Outros usos do punto:
- O punto utilízase tamén no final das abreviaturas (Sr. dpto. Fac.)
- Pódese utilizar tamén nas representacións das horas (19.14). Neste caso
non deberemos poñer espazo entre o punto e a cifra que marca os minutos.
Non debe utilizarse o punto:
- Na representación dos Símbolos do Sistema Internacional. (cm.; km.)
- Nas siglas (OTAN; ONU)
- Non se utiliza cando escribimos o ano (2000, 1999).
Cando escribimos cifras é preferible marcar os milleiros cun espazo no sitio do punto (120 000 € mellor ca 120.000 €)
As comas Unha coma pode realizar ao redor de trinta funcións diferentes. Linares (1979), nun intento de sistematizar o seu uso, fai unha distinción entre dous grupos que resulta moi interesante. No primeiro grupo inclúe as comas que van soas (chámalles coma-1); no segundo inclúe as que funcionan por parellas 1 (coma-2):
COMA-1 ou COMA SOA. Colócase entre dous elementos e separa ideas e conceptos:
- En numeracións: Isto é bo, bonito, barato
- Por omisión do verbo: O carballo é grande, o castiñeiro, máis.
- En fórmulas: Señora, prégolle que consulte ...
- En datas: Lugo, 1 de xaneiro...
COMA-2 ou PARELLA DE COMAS. As comas colócanse ao comezo e ao final dun mesmo elemento. Introduce incisos e úsase:
- En aposicións: A capital de Galicia, Santiago de Compostela, é unha cidade monumental
- Cando se cambia a orde dos elementos dunha oración
- En subordinadas (circunstancias, causais, relativos)
- Con marcadores textuais como acerca de, por outra banda...
Estas aclaracións pódennos servir para non cometer erros de puntuación que proveñen de fixarnos na entoación, o que pode provocar erros como estas:
* O castiñeiro, estalle deixando o sitio a outras especies, o que provoca un grave impacto. (Sobra a primeira coma: o suxeito e o seu predicado non deben ir separados por comas. Aínda que na fala se pode facer unha certa pausa, esta non debe ir reflectida na escrita.) * Os mariñeiros aínda que son conscientes de que as súas prácticas van acabar co mar, non poden parar por estaren metidos nunha cadea de intereses. (Falta unha coma entre mariñeiros e aínda.) * Non quero evidentemente, poñerte en evidencia. (Falta unha coma antes de evidentemente.)
A utilización apropiada dos signos de puntuación é fundamental para unha correcta interpretación do que queremos expoñer, polo que hai que poñer atención na súa correcta utilización.
(Tirado de "Aspectos formais dos documentos")
|