Outubro do 2004
   Visita os números anteriores
Buscas


02/11/04 Comezan os cursos de lingua para non galegofalantes

02/11/04 Aberta a matrícula no curso de redacción e deseño

03/11/04 Presentación de "Termos esenciais de botánica"




Plan Xeral de Normalización Lingüística






 


¿Sabías que...?

Palabras que confundimos

Tamén/Asemade. Cómpre que queden claras as diferencias de significado entre estes dous adverbios. Hai quen usa con frecuencia asemade no canto de tamén. Asemade equivale a "simultaneamente", "á vez", "a un tempo", polo cal non é sinónimo absoluto de "así mesmo" ou "tamén". Polo tanto debemos dicir:

 "Non se debe conducir e mirar a paisaxe asemade"
 "Onte fun ao cine e tamén (dificilmente asemade) ao teatro"

Recorrer/Percorrer. Tamén é frecuente que se confundan os significados destes dous verbos.

Recorrer ten os significados de:
 a) Presentar un recurso contra unha resolución dunha autoridade: "Recorreu a sentencia do tribunal"
 b) Pedir axuda, información, valerse de...: "Como non tiña un peso, recorreu aos seus amigos"

Percorrer é o verbo que debemos utilizar para referirnos ao feito de cubrir unha distancia ou andar un camiño. Así: "Percorrín cen quilómetros en menos de unha hora"

O que recorre unha sentencia presenta un recurso, e o que percorre unha distancia fai un percorrido.

Abundar/Abondar. Cómpre, tamén, diferenciar o significado destes dous verbos.

 Abundar ten o significado de "ter ou haber en abundancia": "En Santiago abundan as ofertas culturais".

 Abondar debe utilizarse co significado de "ser suficiente, chegar, bastar": "Por hoxe xa abonda de traballo"

Abundante/abondoso/abondo/dabondo. Relacionados cos verbos anteriores están estes adxectivos e adverbios que adoito se confunden ao usalos.

 Abundante é un adxectivo que indica unha gran cantidade da cousa que se expresa, fartura: "Daquela tiñamos abundantes colleitas".

 Abondoso é un adxectivo referido tanto á fartura -e, neste senso é sinónimo de abundante: "Daquela tiñamos abondosas colleitas"-, como á capacidade de producir fartura: "As rías galegas son abondosas en peixes e mariscos".

 Abondo é un adxectivo que presenta dous significados: ou ben que algo está de máis, que sobra: "Temos folgos abondos para chegarmos ao cumio", ou ben que abonda, que chega, que é suficiente: "Nunca é abonda a paciencia ao conducir".

 Abondo -ou dabondo- tamén é un adverbio (logo, non varía a súa forma) que presenta este derradeiro significado: "Co que che dea teu pai, serache abondo/dabondo".

Deica/Ata. Debemos lembrar que deica significa “de aquí a”, “de agora a”; é dicir, deica precisa ter como referente un punto de partida. É, pois, unha preposición cun significado moito máis restrinxido có de ata, polo que non pode utilizarse en todos os casos como sinónimos. Así, é correcto dicir: "Vou deica Marín" (= Vou de aquí a Marín = ata Marín), "Deica mañá" (= De aquí a mañá = Ata mañá), pero non podemos dicir "Estiveron xuntos *deica as dez" (non equivale a "estiveron xuntos *de aquí ás dez). O único correcto neste caso é "Estiveron xuntos ata as dez”.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es