As matemáticas desempeñan un papel protagonista
nos nosos días. Como ferramenta fundamental para a análise,
a cuantificación e a modelización de fenómenos, están presentes
en tódalas disciplinas e aparecen continuamente en diversas
situacións da vida cotiá. Sen elas non serían posibles os
avances científicos e tecnolóxicos que sustentan a sociedade
da información ou contribúen ao benestar dos seus cidadáns.
Paradoxalmente, tanto o coñecemento como o recoñecemento
público das matemáticas son escasos.
Co gallo da celebración do 50 aniversario da creación da
Licenciatura de Matemáticas na Universidade de Santiago
de Compostela, durante o curso académico 2007/08, estase
a elaborar un programa de actos para destacar e difundir a
importancia da matemática nos ámbitos social,
científico e tecnolóxico, familiarizando a un público amplo
con ferramentas e métodos matemáticos propios
de diferentes áreas de coñecemento, necesarios
para entender o mundo no que vivimos, dunha forma orixinal
e pouco habitual, e esperamos que amena e interesante.
Como parte deste programa a actividade Matetodo Todomate
consistirá nun conxunto de obradoiros, conferencias, proxección
de películas e representacións teatrais. En resumo, actividades
educativas, lúdicas, didácticas e de formación dirixidas a
un amplo abano de público. Consta de eventos dirixidos a todo
o público en xeral ou a todo o alumnado da USC, e actos mais
específicos orientados ao alumnado da Licenciatura de Matemáticas
e ao actual (ou futuro) profesorado de secundaria.
|