Todo caduca: o investigador do CiQUS que recrea obras de arte para estudar o seu envellecemento

15/07/2024

Por Lucía Casas | GCiencia

Se vivir da arte xa é difícil hoxe en día, imaxínate nos séculos XV e XVI: á precariedade laboral e á falla de recoñecemento da sociedade sumábaselle o feito da carencia de materiais cos que traballar. Pintores como Rafael ou Botticelli non tiñan a súa tenda de confianza onde mercar pinceis ou lenzos. E iso que estamos a falar da época do Renacemento e o impulso dun dos movementos culturais máis potentes a niveis artísticos, literarios, filosóficos e ata científicos. Ai… a creatividade por encima de todas as cousas!

Se cadra, o exemplo máis representativo desta nova cosmovisión témolo en Leonardo Da Vinci. Ollo, que ás veces as ganas de descubrir novos mundos sae caro, e o investigador do CiQUS Massimo Lazzari pode dar boa conta disto: “Da Vinci sempre tentou innovar no seu traballo e iso ocasionoulle máis dun problema. Sabemos que hai obras súas que se perderon, que non chegaron ata nós, e moitas outras están en condicións nefastas”. E a causa desta perda inmensa para a humanidade atópase no emprego dos materiais.

Lazzari non é artista, senón científico, e grazas ao seu coñecemento nesta materia axuda aos restauradores a localizar posibles problemáticas que, se ben non son visibles agora, poderían danar as obras no futuro.

O novo non sempre é mellor

A experiencia é un grao, e isto tamén se aplica á arte. Sabemos que hai materiais óptimos para o patrimonio artístico, e sabémolo porque temos moitísimos exemplos de obras que se fixeron hai centos de anos e que perduraron co paso do tempo. Porén, segundo explica Lazzari: “Daqueles que usaron outros materiais que non envelleceron ou que envelleceron mal, sinxelamente, xa non sabemos nada. As obras perdéronse, e punto”. Cando falamos de envellecemento referímonos á capacidade do material para manter as súas características intactas co paso do tempo. A maior degradación do material, peor envellecemento.

A parte boa é que na actualidade hai técnicas para estudar o comportamento dos materiais e a súa degradación, o cal permite aos artistas e restauradores botarlle unha ollada ao futuro hipotético da obra e identificar riscos e problemáticas antes de que ocorran. É aquí onde o traballo de Lazzari é fundamental.

O ‘condensador de fluzo’ da arte

“Como non podemos agardar 50 anos e ver de que modo envellece a obra día a día, o que facemos é crear unha réplica e sometela a unhas condicións determinadas que simulen dun xeito acelerado o que pasaría co tempo para ver se hai algún material crítico que poida causar danos”, explica o investigador do CiQUS.

Para facer as réplicas os investigadores adoitan falar co propio artista ou co restaurador que estea a traballar nesa colección: “Identificamos os materiais empregados nas obras, o cal é relativamente sinxelo ao tratarse dunha práctica cotiá na química analítica”, di Lazzari. Segundo o científico, as causas que máis poden degradar as pinturas adoitan ser a temperatura e a luz, ademais do osíxeno. É por iso que durante catro ou seis meses e, coa axuda do seu grupo, expón as réplicas a estes axentes externos dun xeito “acelerado”, e despois conclúen se o material envellece nunhas boas condicións ou se, polo contrario, pode ser un elemento problemático para a obra no futuro.

Lazzari vén de publicar un artigo na revista académica Polymers onde analiza o envellecemento do Poliacetato de Vinilo, é dicir, a cola branca de toda a vida que podes atopar en calquera tenda do teu barrio: “Basicamente o problema da arte contemporánea é que moitos dos materiais que se empregan non están pensados para usos artísticos, senón que foron ideados cunha intención máis industrial”, comenta o científico. No estudo, Lazzari analizou dúas obras dunha colección do CGAC: Palette, feita por Tony Cragg no 1986, e Terra, ladrillo e agua I,II e IV, unha creación do ano 2001 pertencente ao autor Darío Villalba. Os resultados amosaron que o envellecemento da cola branca comercial (PVAC) empregada nas obras é bo. Porén, o estudo explica que o aumento da dureza da cola seca si causa problemas de plasticidade que afectarían á conservación “a menos que se apliquen medidas preventivas urxentes”.

A xenuína colaboración entre arte e ciencia

O principal campo de estudo de Lazzari non é a arte nin o patrimonio artístico: no CiQUS, o grupo deste doutor en Química adícase ao estudo da ciencia de materiais e, en concreto, á creación dos materiais na nanoescala. Como acabou, entón, estudando obras de arte? Pois como todo o bo na vida; metade diversión, metade compromiso: “Ás veces os eidos nos cales traballamos poden parecer moi áridos, máis a arte é algo que vés, que podes experimentar”, di o científico. Segundo conta, comezou a colaborar hai case dúas décadas coa restauradora do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) Thais López Morán, que tamén é coautora do artigo publicado en Polymers. Non lembra exactamente quen chamou a quen, pero ata o de agora xa levan dez obras analizadas. Para Lazzari non só se trata de ter a oportunidade de explorar outros campos, “o cal sempre é divertido”: tamén está axudando a protexer o patrimonio artístico galego: “Cando atopamos unha problemática cun material sempre tentamos transmitirllo ao artista e aos restauradores, e ver que se se pode facer para evitalo”, explica.

- De xeito que a química pode darlle un puntiño extra á arte. Massimo, ti que cres? A arte tamén poder inspirar novas ideas na ciencia?
- Penso que todas estas problemáticas que xorden poden motivar a procura de novos materiais máis estables, así que… por que non?

Detalle de «Palette» de Tony Cragg (obra da colección permanente do Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC).

 

O Investigador Principal do CiQUS, Massimo Lazzari.