Os Institutos de Educación Secundaria de Galicia regresan ao CiQUS

05/12/2019

Conclúe a VII Edición do programa de visitas dirixidas a alumnos de segundo curso de bacharelato.


Entre os dias 18 e o 29 de novembro de 2019, o CiQUS celebrou a VII Edición das súas xornadas 'Investigación en química: ciencia creativa para un mundo mellor'; unha actividade especificamente dirixida a alumnos de segundo curso de bacharelato matriculados na materia de Química, que ten como obxectivo achegar aos estudantes unha visión actual e atractiva da investigación en Química, dar a coñecer a importancia desta ciencia no desenvolvemento científico e tecnolóxico a nivel global, e amosar a actividade cotiá nun moderno centro de investigación.

Ao longo das dúas últimas semanas de novembro o centro recibiu  a visita de 27 centros procedentes de toda Galicia, deixando un total de máis de 550 alumnos e preto de 50 profesores participantes na edición 2019 destas xorrnadas de divulgación, que contaron co apoio de maís de 60 investigadores do CiQUS.

O programa de visitas serviu tamén para poñer en valor contribución e o liderado do CiQUS no desenvolvemento e avance da ciencia desde a comunidade autónoma galega, unha institución recoñecida pola Xunta de Galicia coa acreditación como Centro Singular de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

As actividades desenvolvéronse en quendas de mañá e de tarde en grupos de 30 alumnos, e nelas o alumnado puido disfrutar dun extenso e variado programa, que incluiu os seguintes apartados:

  • A investigación no CiQUS
    • Explicación das principais liñas e traballo que se desenvolven no centro.
  • O laboratorio de Química
    • Desenvolvemento dun sinxelo experimento de síntese no laboratorio por parte dos propios alumnos, supervisados por persoal especializado.
  • A instrumentación científica
    • Visita guiada ás instalacións que albergan algúns dos sofisticados equipos que se empregan para o análise, estudo estrutural e/o manipulación en condicións especiais dos compostos químicos e materiais.
  • A maxia da Química
    • Obradoiro de experimentos e demostracións químicas e físicas.
  • A Química como profesión: oportunidades do mercado profesional
    • Mesa redonda con investigadores novos sobre o camiño profesional unha vez finalizados os estudos universitarios de grao.