Maio do 2009
   Visita os números anteriores
Buscas


04/06/09 III Certame de recolla da tradición oral galego-portuguesa

09/06/09 Obradoiro de presentacións didácticas eficientes para PDI

11/06/09 Obradoiro de elaboración de unidades didácticas para PDI

20/06/09 Remata a inscrición nos cursos preparatorios dos CELGA

22/06/09 Obradoiro de expresión oral en galego I para PDI

24/07/09 Premios á calidade e á excelencia lingüística

24/07/09 Premios «Comunicándomos» de publicidade en galego

12/10/09 Remata o prazo para inscribirse nas probas dos Celga




O galego nos medios de comunicación Lorenzo Suárez, A.; Ramallo, F.; Casares, H. (2008), CCG






 


Pasa a folla

O galego nos medios de comunicación

O Consello da Cultura Galega acaba de facer público un novo volume de «O proceso de normalización do idioma galego», dedicado integramente a analizar a situación da nosa lingua nos medios de comunicación.

O Consello da Cultura Galega ten plenas competencias para «analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural e fomentar a lingua galega». Por iso dende o ano 2000 vén desenvolvendo unha análise pormenorizada da política lingüística levada a cabo polos distintos gobernos autonómicos. Os resultados destas investigacións fóronse publicando en distintos volumes baixo o título xenérico «O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000)». A primeira parte estivo dedicada ás cuestións da política lingüística, a segunda centrouse no galego no ensino, a terceira no proceso de estandarización e a cuarta -agora publicada- trata a lingua galega nos medios de comunicación.

Desde a caída do franquismo e a instauración da democracia e da autonomía política para Galicia, entendeuse que os medios de comunicación debían de xogar un papel fundamental na promoción da lingua e da cultura galegas. Esta vontade cristalizou na fundación dunha CRTVG integramente en galego. Porén, no que se refire aos usos lingüísticos nos medios privados, non houbo apenas mudanzas. Continúan a empregar o castelán como lingua hexemónica, de feito, mesmo existe unha tendencia a deformar a realidade lingüística do país ao traducir ao castelán os materiais producidos en galego, impedindo deste xeito a visualización dunha realidade pública galegofalante.

O estudo elaborado polo Consello da Cultura Galega sinala que, malia aumentar a competencia lingüística en galego no conxunto da sociedade, moitos e moitas xornalistas quéixanse da súa escasa formación na nosa lingua. O feito de que os medios de comunicación non adoitan esixir o coñecemento do galego aos seus traballadores, únese a que moitos profesionais non coñecen e non dominan un estándar que non por escribir habitualmente en español, non se ven obrigados a empregar.

Tamén é importante sinalar o feito de que as ferramentas informáticas de apoio á escrita en galego aínda non están todo o difundidas que deberan entre os profesionais da comunicación. Ao coñeceren só as facilidades técnicas para escribir en español, o galego vai quedando relegado nunhas redaccións que traballan contra reloxo e nas que toda facilidade é insuficiente.

Esta actitude dos medios tan pouco proclive á galeguización débese, aparentemente, a que a seica non existe unha demanda social de contidos informativos en galego, xa que a cidadanía non está habituada a ler na lingua propia. Asemade, os empresarios da comunicación falan de pouca receptividade por parte dos anunciantes a que as informacións se produzan en galego. Pola contra, desde que comezou o proceso autonómico o nivel de capacitación en lingua galega aumentou enormemente, de xeito que a meirande parte da sociedade galega pode ler, escribir e comprender o galego sen dificultade. Deste xeito, intúese que existe unha motivación ideolóxica de rexeitamento do galego detrás destas actitudes empresariais. Polo tanto, Galicia carece duns medios de comunicación que se consideren a si mesmos como axentes responsables e necesarios para contribuíren ao proceso normalizador e que tan necesarios son para unha lingua minorizada.

Cales son as perspectivas do galego nos medios? Por unha banda existe unha ameaza moi real que leva á desaparición. Cada vez hai menos xente que empregue o galego nos usos sociais habituais e que polo tanto non será esixente cos medios na cuestión de normalización lingüística. Asemade, a concepción utilitarista das linguas está cada vez máis estendida, polo que moita xente entende que o galego ten que irlle deixando paso nos medios de comunicación a outros idiomas con «maior proxección internacional». Fronte a isto, cada vez hai máis xeracións que aprenderon o galego no ensino obrigatorio e que polo tanto teñen competencias plenas na nosa lingua. Deste xeito, a barreira que supuña a escolarización integramente en castelán que viviron moitos e moitas galegas dunha certa idade, comeza a quebrar. Neste sentido aínda queda esperanza de que se poidan xeneralizar medios de comunicación en galego cara os que non haxa ningún tipo de prexuízo nin impedimento.



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es