Abril do 2005
   Visita os números anteriores
Buscas


12/05/05 Correlingua 2005: Galego, un bico na lingua

04/05/05 Palabras de Lei. Galeguizar Galicia




Código Cero Diario Tecnolóxico de Galicia






 


Pasa a folla

Código Cero

A nosa recomendación deste mes non se edita en papel (ou si, xa o veremos), senón que se almacena en bits. Trátase de Código Cero: un sitio web no que poderedes estar ao tanto das novas galegas e internacionais relacionadas co mundo das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), sen necesidade se ter uns coñecementos especializados na materia, e sen ter que deixar de ler en galego.


Nel poderedes atopar un amplo abano de novas actualizadas varias veces cada día,* e posteriormente organizadas nas seccións de Telefonía, Linux, Mac, Nova economía e Radio e televisión.** A parte puramente informativa compleméntase con espazos en que se lle dá cabida a opinións que se consideran especialmente relevantes, ben en forma de entrevistas, ben como sinaturas convidadas.***


A este núcleo central de contidos engádenselle dous produtos complementarios:


- a revista mensual Código Cero, que se distribúe mensualmente en papel canda o xornal Galicia Hoxe, e á que se pode acceder como documento en formato PDF.
- un servizo de subscrición de novas –ao que xa están acollidas 1250 persoas– que lles permite recibir gratuitamente na súa caixa do correo electrónico unha mensaxe semanal coas novas máis salientables incluídas no sitio web.


Pero amais de información o web de Código Cero ofrece tamén un espazo para favorecer a interactividade e a participación dos visitantes. Así, podemos optar entre un amplo abano de foros temáticos entre os que se inclúen practicamente todos os temas que vimos antes nas seccións e algúns máis como P2P, Lecer ou R. Mágoa que os visitantes do sitio non sexan moi activos, para que a participación neles fose maior.


En resumo, trátase dunha interesante xanela aberta ao mundo das TIC, deseñada, elaborada e actualizada pensando principalmente no público galego –a presenza de informacións relacionadas co noso contorno máis próximo é moi relevante–, que nos permite acceder ás novidades dese sector, e que –madia leva– convidámosvos a visitar.


* De feito, o volume de información fai que se bote a faltar un buscador interno que permitise acceder de forma áxil ás novas de semanas ou meses anteriores, ás que -de momento- só se pode chegar a través da Hemeroteca.
** Tamén se anuncia unha sección Wireless pero non está aínda accesible para a consulta.
*** Chama a atención, tanto nunha como noutra, a abondosa presenza de altos cargos da Administración e de organismos públicos, ou de grandes directivos de empresas, ata o punto de que o espazo reservado a entrevistados cun perfil puramente técnico, que se centren en experiencias ou proxectos concretos, é moito menor.



Imprimir

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es