Abril do 2005
   Visita os números anteriores
Buscas


12/05/05 Correlingua 2005: Galego, un bico na lingua

04/05/05 Palabras de Lei. Galeguizar Galicia




Código Cero Diario Tecnolóxico de Galicia






 


¿Sabías que...?

O valor de ser adecuado (II)

No ámbito científico tamén se dan incorreccións por inadecuación sen que se perciban sempre como erros. Estes son máis habituais do que pode parecer nun principio e danse sobre todo cando se empregan termos que non son propios da linguaxe científica. Poden ser inadecuados porque non teñan o nivel neutro que se esixe nesta linguaxe, coma nestes casos: o cáncer de teta* é unha das causas máis importantes de mortalidade feminina ou o carallo* é o órgano xenital masculino. Tamén se pode ser inadecuado se se empregan termos creados polo home para formar a súa sociedade, que non achegan nada e entorpecen o bo proceso comunicativo, na divulgación científica. Poñamos por caso un enunciado como este: un matrimonio onde el é rubio e ela morena, de que cor terán os fillos o pelo? Neste caso resulta máis difícil saber onde está o problema. Ha de haber alguén que pense que pode estar na utilización de rubio no canto de louro ou se en galego se acentúa o pronome persoal el e, non obstante, o problema lingüístico non está aí; atópase na utilización do termo matrimonio na disciplina Xenética. Na sociedade española, o matrimonio é unha institución pola que se legaliza a unión entre un home e unha muller –polo menos ata hai pouco. Relixiosamente tamén é un sacramento. Ningún destes dous aspectos sociais que recolle o termo matrimonio cambia, que se saiba, a carga xenética dos dous membros da parella, polo que o seu uso neste contexto é inadecuado.
A razón destas utilizacións inadecuadas é que a sociedade está afeita a xulgar antes do xuízo e a confundir casamento e reprodución sexual. As regras de acentuación do idioma galego ocupan máis ou menos o mesmo ca este escrito. As aprendizaxes para utilizar un idioma con propiedade e de maneira adecuada ocupan moito máis espazo e tamén máis tempo. Podemos empezar por telo en conta e facer esforzos en mellorar estes aspectos da comunicación. Desde o punto de vista científico, é tan inadecuado dicir que os matrimonios teñen fillos como dicir que veñen de París, pero isto non é máis ca acientífico. O grave é considerar unha persoa culpable antes de que un xulgado dite unha sentenza en firme. A diario, hai persoas que, sen un xuízo previo son condenadas a deixar o emprego ou o sitio onde viven polo feito de seren detidas ou acusadas dun delito. Non é necesario facer demasiado fincapé en que son, a miúdo, os profesionais da información, aparentes dominadores da lingua, os que cometen este tipo de erros de inadecuación. Os xuízos previos por parte da sociedade e dos medios de comunicación si que son perigosos e a solución disto non está nos dicionarios galegos nin nas súas gramáticas.



Imprimir

 

 

 

 

principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...?
 
©Servizo Normalización Lingüistica, Universidade de Santiago de Compostela. Correo electrónico: snlisa@usc.es