|
Pasa a folla InterActive Terminology for Europe Desde hai uns cantos anos, Internet vénse convertendo na biblioteca por antonomasia. Aí podemos buscar información sobre calquera tema que se nos pase pola cabeza, coa práctica seguridade de que aquilo que buscamos ha estar nalgures: outra cousa é que o deamos atopado, porque… a esta biblioteca moito lle cumprían bibliotecarios/as! O andel de Internet no que se atopan os dicionarios está ben abastecido (aínda que para unhas linguas moito máis que para outras, é claro), e nel podemos consultar moreas e moreas deles: monolingües, multilingües, xerais, especializados, de xergas… No medio de todos eles, Eurodicautom foi sempre un dos máis relevantes (ata o punto de chegar a recibir unhas 120.000 consultas diarias), polo seu volume de información, pola entidade que o elaboraba e mantiña –a Unión Europea–, e polo seu grao de multilingüismo, pois atendía –con distinta intensidade– todos os idiomas oficiais desta. Pero desde hai varios anos esta gran base de datos deixou de actualizarse e ampliarse con nova información, pois a Unión Europea traballaba nun proxecto de integración de todos os seus bancos de datos terminolóxicos nunha única interface de consulta. Desde o 2004 ese novo recurso (nomeado como IATE –InterActive Terminology for Europe–) só podía ser consultado polo persoal da UE, pero desde hai unhas semanas todos podemos acceder libremente a unha versión de probas. A través dela é posible consultar arredor de 1,4 millóns de entradas multilingües procedentes de diversas bases de datos das institucións da UE: fundamentalmente do xa citado Eurodicautom, pero tamén de TIS (Consello da UE), de Euterpe (Parlamento Europeo), de Euroterms (Centro de Tradución) e de CDCTERM (Tribunal de Contas Europeo). A procura de información en IATE é moi sinxela e intuitiva. Só temos que incluír a palabra que queremos buscar e o idioma a que pertence, e despois escolmar as linguas para as que desexamos obter resposta. (En relación cos idiomas que se poden escoller, cómpre non facerse ilusións: GA refírese ao gaélico e non ao galego.) Ademais, podemos afinar máis a nosa consulta indicando a área temática a que pertence a unidade que buscamos e se se trata dunha palabra, unha abreviación ou un sintagma. Se a palabra pola que buscamos se recolle na base de datos, IATE hanos devolver unha ficha coas denominacións equivalentes en todas as linguas antes seleccionadas, a área temática a que pertence e unha marca de fiabilidade. O obxectivo desta última é indicarnos o grao de confianza que lle podemos outorgar á información que se ofrece para cada unha das linguas, nunha escala ascendente que vai desde o 1 (fiabilidade sen verificar) ata o 4 (moi fiable). Pero non é esta a única información que se ofrece, pois calcando sobre Full entry é posible ver toda unha serie de datos complementarios (definición, fontes de procedencia, notas e comentarios de uso, data de elaboración…) referidos a cada unha das linguas. En resumo, non cómpre chorar a perda de Eurodicautom xa que o produto que a UE ofrece para substituílo mellora amplamente as prestacións do anterior en calquera dos planos en que nos queiramos fixar. Así que… a navegar en IATE!
|
principal | ruxe-ruxe | pasa a folla | ¿sabías que...? |