O CiQUS abre as portas á cidadanía na oitava edición de Ciencia Singular

19/11/2024

 

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abre, un ano máis, as portas á cidadanía o sábado 23 de novembro, co gallo da oitava edición de Ciencia Singular. A cita conta con algunhas novidades nesta ocasión. Entre elas destaca a incorporación do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais), que se sumou neste ano a CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE como membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da investigación destes centros.

Desde primeira hora da mañá e ata o serán, persoas de todas as idades percorrerán as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web cienciasingular.usc.es desde este martes 19 de novembro ás 16.00 h. Nesta páxina poden consultarse tamén todo o programa e horarios da xornada.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes poderán descubrir a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física ou as tecnoloxías ambientais. Con este programa, Ciencia Singular procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano.

O CiQUS mergullarase de cheo un ano máis na xornada de portas abertas. Máis de 60 persoas, entre as que se inclúen investigadores sénior e júnior, voluntarios e técnicos do centro, unirán esforzos o vindeiro día 23, para achegar dun xeito ameno as investigacións dirixidas a afrontar desafíos urxentes en saúde, sustentabilidade e outros retos sociais. Os visitantes que se acheguen ao CiQUS terán a oportunidade de coñecer de primeira man a ciencia de vangarda que se desenvolve nos laboratorios dos investigadores Eugenio Vázquez, Pablo Del Pino, María Tomás e Manuel Souto.

A maiores, durante o percorrido os asistentes toparanse con distintos recunchos de ciencia que abordarán cuestións tan interesantes como o transporte de biomoléculas, os materiais electroactivos ou a simulación molecular. Como é habitual, haberá tempo para percorrer as instalacións do centro e coñecer as principais técnicas instrumentais e as súas aplicacións, mentres os cativos gozan xogando coa ciencia nos obradoiros infantís, unha actividade especialmente deseñada para que os rapaces poidan aprender ao mesmo tempo que se divirten.

Ciencia solidaria

No marco desta xornada de portas abertas, os Centros Singulares da USC queren expresar o seu apoio e solidariedade cara ás persoas afectadas pola recente DINA que asolagou Valencia e outras comunidades. Este evento é un espazo de encontro e celebración coa cidadanía, pero tamén representa unha oportunidade para impulsar accións solidarias que reflicten o noso compromiso permanente co progreso e o desenvolvemento sostible da nosa sociedade, principios que guían a nosa actividade e investigación científica.

Por iso, convidamos a todas as persoas interesadas a sumarse a esta iniciativa apoiando a campaña de doazóns organizada por Cruz Vermella, entidade coa que a USC mantén un convenio de colaboración. Deste xeito, poderán realizarse doazóns económicas a través da páxina web que a Cruz Vermella habilitou con motivo desta emerxencia, cuxa ligazón estará dispoñible no portal de Ciencia Singular e no formulario de rexistro.

In the media