O grupo liderado polo Prof. Mascareñas iniciou recentemente unha nova liña de investigación baseada na funcionalización selectiva de enlaces C-H mediante catalizadores metálicos, e cuxos primeiros resultados deron lugar a tres artigos en prestixiosas revistas internacionais de química, dous en Journal of the American Chemical Society e outro en Chemical Science.
O traballo foi integramente desenvolvido no CIQUS polos estudantes Noelia Casanova e Andrés Seoane, coa colaboración da estudante postdoutoral Noelia Quiñones, e baixo a dirección do Prof. José Luis Mascareñas e do Dr. Moisés Gulías.
No seu último artigo (J. Am. Chem. Soc. 2014, 136, 7607–7610), os investigadores do CIQUS describen un proceso que representa un novo concepto en termos de reactividade, en tanto en canto leva consigo a rotura de enlaces C-H que sempre se consideraron inertes. Esta transformación baséese nunha cicloadición catalizada por complexos de rodio entre 2-alquenilfenoles e alquinos que permite construír de forma moi sinxela, práctica e económica sistemas espirocíclicos funcionalizados e azulenonas. Este novidoso proceso abre unha nova vía de síntese química para a obtención de estruturas moleculares con posibles aplicacións en biomedicina ou química de materiais.
Pola súa banda, o anterior traballo publicado este mesmo ano (J. Am. Chem. Soc. 2014, 136, 834–837), describe o acceso rápido e sinxelo a moléculas cunha grande importancia tanto como moléculas bioactivas e como materiais (benzooxepinas e cumarinas), en dúas etapas a partir de compostos comerciais baseándose na cicloadición de orto-vinilfenoles e alquinos.
Publicacións:
Rhodium(III)-Catalyzed Dearomatizing (3 + 2) Annulation of 2-Alkenylphenols and Alkynes