Premiada unha spin-off participada por unha investigadora do CIQUS

04/07/2014
 
O proxecto spin-off da USC, MD.Use!, no que participa Rebeca García Fandiño, investigadora posdoutoral do CIQUS, xunto a Edgar Mixcoha (Dpto. de Física Aplicada), foi galardoado co Premio Empresa Xove no XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela.  A spin-off MD.Use! adícase á realización de consultaría á medida na aplicación de Dinámica Molecular para a simulación computacional de sistemas biolóxicos, químicos ou nanosistemas.

Este concurso, que xa vai pola XIV Edición é unha iniciativa do Programa de Creación de Empresas da USC, Uniemprende, e ten como obxectivo impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados e licenciadas ou investigadores e investigadoras, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.

Pola súa banda, CHEMANTEC, spin-off da USC incubada no Edifico Emprendia, recibiu o Premio Muller Emprendedora. Esta empresa promovida por Patricia Blanco Carro, Cristina Casal Romero, Gonzalo Hermelo Vidal, Raquel Sendón García, Ana Rodríguez Bernaldo de Quirós e Perfecto Paseiro Losada, realiza servizos de ensaios técnicos e de consultoría dirixidos a comprobar a calidade e seguridade dos produtos consumidos polo usuario/a final.

Finalmente, o Premio de Base Tecnolóxica foi para o proxecto spin-off da USC, CELTALGA EXTRACT, promovida por Marivel Sánchez Guerrero e Jorge Sineiro Torres. A produción de extractos de algas procedentes das costas galegas aplicando a tecnoloxía de ultrasonidos protexida por patente, é o modelo de negocio desta spin-off, que afirma que o extracto algal será empregado pola industria cosmética principalmente como principio activo nas súas formulacións.