Xornadas de divulgación no CiQUS

09/12/2014
 

O CiQUS pon en marcha un ciclo de visitas ó centro baixo o título “Ciencia creativa para un mundo mellor”, destinado a alumnos de bacharelato, co que se pretende destacar as achegas da Química á mellora da calidade de vida das persoas e o benestar da sociedade, así como a importancia da investigación científica e coñecer de primeira man a realidade dun centro de investigación.

A partires do día 9 e durante dúas semanas, o centro recibirá a visita de 15 institutos ou colexios procedentes de distintos puntos da xeografía galega (Santiago, Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Narón, Salvaterra do Miño, Cedeira, Noia, Ames, Ordes, Santa Comba, O Carballiño e Boiro), nunha serie de xornadas nas que participarán 430 alumnos e os seus profesores.

As visitas incluirán varios experimentos realizados polos propios alumnos, a participación en demostracións científicas e, finalmente, unha visita guiada polas distintas instalacións e laboratorios do CiQUS, onde poderán coñecer as liñas de investigación más sobresaíntes desenvolvidas no centro.

 

A investigación química: ciencia creativa para un mundo mellor

Unha característica singular da Química é que, ó contrario cá noutras disciplinas, esta non se limita a entender e interpretar a natureza e a súa contorna, senón que é capaz de crear novas moléculas e materiais, ou inventar novas reaccións para transformar a materia. Entre os grandes retos da investigación química actual destacan o descubrimento de novos compostos que resulten de utilidade no tratamento de enfermidades, o desenvolvemento de novos materiais con aplicacións tecnolóxicas ou as contribucións na procura de novos procesos de produción ou almacenaxe de enerxía.

O ciclo de visitas para estudantes de bacharelato forma parte da estratexia integral de divulgación que vén desenvolvendo o CiQUS no seu compromiso coa sociedade, no que se enmarcan tamén as Xornadas de Portas Abertas sen límite de idade, dirixidas a calquera persoa interesada no mundo da Química e na actividade do centro, que se celebarán os próximos 16 e 17 de decembro.

 

Laboratorio de experimentación

Nos modernos laboratorios do CiQUS os alumnos recibirán batas e gafas de seguridade para traballar por parellas en experimentos como a síntese química de dous sinxelos compostos con actividade farmacolóxica. Os experimentos servirán ademais para introducir algúns dos equipos e técnicas de análise dos laboratorios de apoio instrumental.