O investigador Moisés Gulías Costa, membro do grupo do Profesor José Luis Mascareñas, recibiu un dos 'Premios a Jóvenes Investigadores 2015' da Real Sociedad Española de Química (RSEQ), que distingue aqueles investigadores noveis cuxas traxectorias apunten cara ao liderado científico na súa área.
O premio otorgado pola RSEQ ao investigador do CiQUS constitúe o segundo galardón de relevancia nun ano, xa que en 2015, Moisés recibiu tamén o Premio Thieme Chemistry Award 2015, que recoñece anualmente o labor de ao redor de 60 mozos investigadores en todo o mundo ao comezo da súa carreira científica independente.
Moisés Gulías Costa licenciouse en Química na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2001 e obtivo o título de doutor no ano 2006 na mesma universidade, baixo a supervisión do Profesor José L. Mascareñas. Como resultado destes estudos doutorais recibiu o Premio Extraordinario de Doutorado da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, durante a súa tese doutoral realizou unha estanza na Universidade de Stanford (2004) co Profesor B. M. Trost.
Entre o 2007 e 2009 foi bolseiro postdoutoral Marie-Curie no grupo do Profesor Matthew Gaunt, na Universidade de Cambridge. Un ano máis tarde (2010) volveu á Universidade de Santiago de Compostela como investigador Parga-Pondal, e no ano 2015 recibiu oThieme Chemistry Journal Award e un dos catro Premios a Jóvenes Investigadores da Real Sociedad Española de Química.
O seu traballo céntrase no desenvolvemento de novos métodos de funcionalización de enlaces carbono-hidróxeno mediante o uso de catalizadores metálicos con metais de transición, o que na práctica supón desenvolver novas transformacións químicas que permitan facer máis directo, económico, e sinxelo (así como menos contaminante) o acceso a fármacos e outros compostos bioloxicamente activos.