Química para nenos: os obradoiros de divulgación saen por primeira vez do CiQUS

24/11/2015

Os obradoiros de divulgación científica do CiQUS deixan por un día o laboratorio e, por primeira vez, terán lugar na Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago. Coincidindo coa celebración do Mes da Ciencia en Galego, os representantes do centro tratarán de achegar aos nenos ao mundo da Química a través de numerosas actividades, que pretenden atraer a atención dos  máis pequenos dun modo didáctico e lúdico.

O principal obxectivo deste encontro é espertar o interese e a curiosidade dos participantes, a través de demostracións e experimentos organizados ao redor dunha serie de obradoiros que incluirán unha breve charla sobre a química e as súas achegas ao benestar global, así como demostracións sobre cambios químicos e físicos da materia e sinxelos experimentos programados que realizarán de xeito tutelado os propios alumnos.

A actividade terá lugar no Salón de Actos da Biblioteca no mes de novembro e dividirase en dúas xornadas: comezará o martes 24 con nenos e nenas de 8 e 9 anos, para concluír o xoves 26 cun grupo de entre 10 e 12 anos.

A iniciativa enmárcase no programa de actividades de divulgación desenvolvido polo CiQUS (do mesmo xeito que o Curso de Formación do Profesorado non Universitario previsto para o próximo mes de xaneiro), e para participar requírese inscrición previa.

Achégate á Química!