O investigador do CiQUS presentará a comunicación oral titulada '3D Printing in Chemistry: Development of Heterogeneous 3D-Catalysts for multicomponent and one-pot reactions', na que se describe o desenvolvemento de sistemas catalitícos híbridos en 3D que inmobilizan cobre e/ou paladio.
A terceira edición do Simposio Internacional CCESC (Catálise para a Enerxía Limpa e a Química Sostible), que se desenvolve esta semana en Madrid, contará hoxe coa presencia do investigador do CiQUS Alberto Coelho, que presentará os resultados obtidos polo seu grupo de investigación no centro a través da comunicación oral '3D Printing in Chemistry: Development of Heterogeneous 3D-Catalysts for multicomponent and one-pot reactions''.
Este traballo de investigación, destacado previamente como "Featured" pola revista Journal of Catalysis, é o resultado da colaboración dos investigadores do CiQUS e o Instituto de Cerámica (ámbolos dous na Universidade de Santiago de Compostela) e describe a impresión 3D dun sistema catalítico heteroxéneo de especies de cobre suportadas en Al2O3. Este dispositivo conta cunha alta resistencia mecánica e pode ser reempregado, sen lixiviación, ademais de demostrar un excelente comportamento en diferentes reaccións de tipo Ullmann. Ademais, os investigadores tamén desenvolveron sistemas catalitícos híbridos en 3D que inmobilizan cobre e/ou paladio.
Nesta investigación, as especies catalíticas (Cu) foron inmobilizadas na matriz de Al2O3 e así evitar a lixiviación do metal ao medio de reacción. O Al2O3 foi seleccionado ao ser un bo material para obter una estrutura con alta estabilidade mecánica despois do tratamiento a alta temperatura.
O dispositivo resultante amosa tanto unha alta eficacia catalítica como a capacidade de reciclaxe, xa que non xerou a lixiviación de cobre ao medio de reacción en diferentes reaccións de Ullmann. Con todo, a facilidade de preparación, a súa excelente reactividade, a reciclabilidade e a insignificante contaminación de metal, fai que a técnica de impresión 3D sexa unha boa estratexia para a fabricación doutros tipos de sistemas catalíticos heteroxéneos.