Os lectores da revista C&EN, da American Chemical Society elixiron a malla de grafeno con poros controlados a escala atómica como a mellor molécula de 2018. Esta estrutura presentouse na revista Science, nun artigo conxunto do CiQUS, o ICN2 e o DIPC.
![]() |
Imaxe da nova membrana de grafeno con detalle da distribución dos seus poros, obtida mediante a técnica de Microscopía de Efecto Túnel (STM). / ICN2. |
A membrana de grafeno poroso sintetizada por investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Institut Català de Nanociència i Nanotecnologia (ICN2) e o Donostia International Physics Center (DIPC) foi elixida como a molécula máis salientable do ano polos lectores da revista C&EN, da American Chemical Society, cun 58% dos votos de entre 8 candidatas internacionais.
A revista Science publicaba en abril este fito, nun traballo dirixido polo IP do CiQUS Diego Peña e o líder de grupo do ICN2 Prof. ICREA Aitor Mugarza. O artigo expoñía o potencial deste prezado material en aplicacións como electrónica, filtros e sensores. Os resultados deste estudo, cuxo primeiro autor é o Dr. César Moreno do ICN2 a partir da molécula sintetizada no CiQUS por Manuel Vilas Varela, deu lugar á solicitude dunha patente.
A presenza de poros no grafeno cuxo tamaño, forma e densidade son modificables na nanoescala con precisión atómica pode modificar a súa estrutura básica e utilizarse como unha malla ou filtro permeable para substancias minúsculas, como gases de efecto invernadoiro, sales ou biomoléculas. Ademais, o grafeno convértese nun semiconductor cando o espazo entre poros redúcese a uns poucos átomos, abrindo a porta ao seu uso en dispositivos electrónicos, onde substituiría os compoñentes baseados en silicio máis voluminosos e ríxidos que se usan hoxe en día.
O grafeno resultante, útil coma baruto molecular e con propiedades eléctricas parecidas ás do silicio, permitirá no futuro desenvolver dispositivos que actúen simultaneamente como filtro e sensor, posibilitando a separación de moléculas específicas e bloquear e/ou monitorizar o paso das mesmas polos nanoporos, usando un campo eléctrico.
Máis información:
- Membranas de grafeno nanoporoso como filtros e sensores avanzados
- Artigo na C&EN: Holey graphene translates to working transistor
- Enquisa ‘Molecule of the Year 2018’
Referencia do artigo:
César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela, Diego Peña, and Aitor Mugarza.