O CiQUS participa no proxecto europeo ENDOSCAPE, unha iniciativa transnacional para facilitar a aplicación da terapia xénica a partir do uso de produtos naturais extraídos de plantas, cuxa eficacia xa foi demostrada de forma preliminar.
![]() |
O equipo do Prof. Eduardo Fernández Megía traballará na química do proxecto ‘Endoscape’ / Foto: Andrés Ruiz / CiQUS. |
Se hai unha ferramenta prometedora hoxe en día no ámbito da nanotecnoloxía aplicada á medicina, esa é a terapia xénica. A comunidade investigadora traballa no seu desenvolvemento para obter un sistema seguro que permita transportar ácidos nucleicos ao interior de células situadas en órganos específicos, co obxectivo de propiciar un efecto curativo ou substituír un orixinal danado.
Un dos elementos chave nesta innovadora estratexia son os nanotransportadores, unha sorte de ‘vehículos’ nanométricos capaces de recoñecer as células diana e internalizar o material xenético. Desde un punto de vista terapéutico, ata hoxe só transportadores obtidos a partir de virus modificados foron quen de acadar este obxectivo; malia todo, os riscos de seguridade sanitaria asociados á opción viral, así como os seus custosos procesos de fabricación, seguen supoñendo un considerable obstáculo para o desenvolvemento desta tecnoloxía e, consecuentemente, un menoscabo para a súa aplicación no tratamento de enfermidades con grandes grupos de pacientes.
‘ENDOSCAPE’, unha vía de orixe natural
Para saír desta encrucillada xorde a nova plataforma tecnolóxica europea ENDOSCAPE, na que participa o grupo de investigación do CiQUS Fernández-Megía Lab, dirixido polo profesor Eduardo Fernández Megía, xunto a outros oito grupos de investigación europeos e dúas empresas.
A iniciativa, liderada por A Charité - Universitätsmedizin de Berlín, propón unha nova estratexia baseada no uso de compostos naturais extraídos de plantas, dos que se sabe que facilitan o transporte de macromoléculas ao citoplasma das células, e cuxa actividade xa foi demostrada en estudos preliminares in vivo.
O proxecto está financiado con preto de 7 millóns de euros a través do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea para explorar durante os próximos 4 anos unha proba de concepto desta tecnoloxía, co propósito de que poida ser aplicada nun amplo rango de enfermidades. No que respecta á parte desenvolvida no CiQUS, o equipo do Prof. Fernández Megía será o responsable de deseñar, así como de executar, a estratexia de bioconxugación entre os distintos compoñentes que conforman a nanomedicina.
A tecnoloxía non-viral ENDOSCAPE proponse incrementar a eficacia terapéutica dos ácidos nucleicos, reducindo así os custos e mellorando a saúde dos pacientes, á vez que pretende fortalecer a competitividade europea neste campo científico.