O catedrático da Universidade de Groningen participará nun encontro con estudantes no centro e será investido Doctor Honoris Causa pola USC, nun acto apadriñado por José Luis Mascareñas.
O científico neerlandés Ben Feringa, Premio Nobel de Química no ano 2016, chegará a semana que vén a Santiago para participar nunha visita institucional promovida polo CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela - USC).
Como parte das actividades programadas na súa axenda, o profesor Feringa manterá o vindeiro martes pola tarde un encontro con estudantes de bacharelato procedentes de distintos institutos de Galicia. O acto, ‘The art of building small: talking to a Nobel Prize Winner’ («A arte de construír en pequeno: charlando cun Premio Nobel»), terá lugar nas instalacións do centro, co que o laureado químico mantén unha estreita relación desde hai anos; non en balde, mesmo antes de ser recoñecido pola Academia Sueca ata tres investigadores principais realizaron estancias posdoutorais no seu laboratorio.
O mércores pola mañá, Ben Feringa será investido Doutor Honoris Causa pola USC nunha cerimonia apadriñada José Luis Mascareñas, Director Científico do CiQUS. Finalmente, Feringa –un dos pais da ‘máquinas moleculares’-, impartirá na tarde do mércores unha conferencia aberta ao público, titulada ‘The joy of discovery’ («O pracer de descubrir»). A charla desenvolverase no marco do Programa Conciencia, que nesta ocasión designou como padriño a un dos seus antigos colaboradores: o investigador principal do CiQUS e profesor da USC Diego Peña.