Alejandro Criado, recentemente doutorado no CIQUS participará no prestixioso LXII Encontro Lindau con premios Nobel. Será un dos 10 representantes de España entre máis de 20.000 candidatos a nivel mundial.
O investigador Alejandro Criado, recentemente doutorado no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) baixo a dirección de Enrique Guitián e Diego Peña, será un dos 625 novos científicos que viaxarán a finais de mes a Alemaña para participar no prestixioso 63º Encontro Lindau con Premios Nobel.
Durante o Encontro Lindau, nesta ocasión dedicado á química, asistirán a conferencias de Premios Nobel, que establecerán quendas de conversas cos novos científicos para tratar cuestións do máis alto nivel tanto referidas a investigación básica como orientadas á súa aplicación.
O científico vilalbés Alejandro Criado, seleccionado entre máis de 20.000 de todo o mundo e un dos 10 que representarán a España, terá a oportunidade de coñecer persoalmente a 35 premios Nobel e debater con eles sobre ciencia xunto a outros estudantes e posgraduados de 78 países.
Criado, na actualidade investigador posdoutoral na Universidade de Trieste, desenvolveu a súa tese no grupo Catálise organometálica e materiais moleculares orgánicos.
A finais do pasado ano foi, xunto con Diego Peña e Enrique Guitián, coautor dun traballo en colaboración con IBM para a visualización de moléculas con resolución atómica que publicouen portada a revista Science, e na que describe por primeira vez a determinación e diferenciación da orde e a lonxitude dos enlaces en moléculas individuais empregando unha técnica de microscopía de forza atómica sen contacto.
De esquerda a dereita, os investigadores do CIQUS Diego Peña, Alejandro Criado e Enrique Guitián.