- Con ocasión do aniversario celébrase o I Simposio "Chemistry at the Frontier" do 30 de marzo ao 1 de abril, que traerá ao premio Nobel de Química 2021, David MacMillan
- O centro singular da USC cumpre unha década sendo un centro de referencia e apostando pola formación e o talento
O Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC cumpre 10 anos posicionándose á vangarda da ciencia no ámbito internacional. Para conmemorar o seu décimo aniversario, celebrará os días 30, 31 de marzo e 1 de abril o I Simposio de "Chemistry at the frontier", e terá como convidados a líderes mundiais recoñecidos en diversos campos da química, entre eles o Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, que viaxa, da man do CiQUS, a Europa por primeira dende que lle concederon o Premio Nobel. O profesor MacMillan tamén participará no programa de divulgación científica da USC “Conciencia”.
Modelo de innovación
A misión principal do CiQUS é desenvolver a ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a científicos e profesionais do campo da química e da biomedicina. Para iso, dotouse dunha estrutura organizativa e xestión innovadora, e dun equipo humano multidisciplinar. O modelo de funcionamento inclúe una avaliación continua e esixente por parte dunha comisión externa de gran prestixio que inclúe ao Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage. En consecuencia, o centro experimentou un avance notable, como o demostran indicadores obxectivos, como o número de proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), pasando de 1 a 11 nestes 10 anos. Nesta década conseguiu numerosas patentes, catro das cales xa están licenciadas, e creáronse catro spin-off, empresas que nacen ao amparo da tecnoloxía desenvolvida no centro.
Principais avances ao servizo da ciencia e da sociedade
A investigación que se realiza no Centro organízase en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica, Materiais funcionais con aplicación tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para o Desenvolvemento Sostible. Estas áreas, porén, non son compartimentos estancos, senón que interactúan entre si para abordar retos científicos de gran alcance desde unha perspectiva multidisciplinar. Entre os moitos obxectivos en marcha están, por exemplo, o desenvolvemento de terapias contra a Covid19, a creación de novos materiais tecnolóxicos ou o descubrimento de encimas artificiais. Cun total de 18 grupos de investigación con diferentes proxectos dentro destas áreas, no Centro traballan máis de 180 persoas de distintas nacionalidades.
O Premio Nobel de Química no I Simposio CiQUS
Para conmemorar o décimo aniversario, o centro organizou o primeiro simposio “Chemistry at the Frontier”, un encontro científico que reunirá a científicos de primeiro nivel de diferentes países.
Destaca a presenza do Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, da Universidade de Pricenton (EEUU). MacMillan é un químico británico-estadounidense que foi galardoado co Premio Nobel 2021, xunto con Benjamin List, polo desenvolvemento da organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de fármacos e outros materiais moleculares.
Durante tres días, Santiago de Compostela converterase nun foco científico internacional grazas ao simposio que terá lugar os días 30, 31 de marzo e 1 de abril. Acompañando ao Premio Nobel, destacadas personalidades científicas mundiais, como Helma Wennemers da Universidade de Zurich ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, reuniranse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Os relatores invitados son referentes nas áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representan o compromiso do Centro co talento novo e o equilibrio de xénero.