O Consello Europeo de Investigación (ERC) anunciou hoxe a concesión dunha das súas prestixiosas Synergy Grants ao proxecto CARAMEL (Covalent Chaotropic Membrane Transport for Biotherapeutic Delivery), que estará coordinado dende o CiQUS (Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) polo investigador Javier Montenegro. A financiación total para este proxecto internacional ascende a 10 millóns de euros.
O equipo fórmano tamén os investigadores Werner Nau (Constructor University, Alemaña), Paola Luciani (University of Bern, Suíza) e Oliver Hantschel (Philipps University of Marburg, Alemaña). Cada unha das catro institucións recibirá unha financiación aproximada de 2,5 millóns de euros para desenvolver esta investigación durante os próximos 6 anos.
O obxectivo do proxecto é abordar un dos retos pendentes da medicina: conseguir que fármacos biotecnolóxicos impermeables, como certos péptidos e proteínas, poidan atravesar a membrana celular para alcanzar a súa diana no interior das células. Esta capacidade é crucial para o desenvolvemento de novas terapias. CARAMEL explorará unha estratexia radicalmente novidosa, abandonando os principios de deseño clásicos. O proxecto centrarase nun mecanismo de transporte descuberto recentemente, baseado no fenómeno da caotropicidade, que desafía as suposicións establecidas sobre como deben funcionar os transportadores moleculares.
"Esta financiación recoñece o potencial dunha idea innovadora e a solidez dun equipo internacional. O noso obxectivo é explorar a fondo este novo mecanismo de transporte celular, o que podería sentar as bases para desenvolver terapias hoxe inviables", explica Javier Montenegro. "O mérito é compartido con todos os meus compañeiros do CiQUS, un entorno que fomenta a creatividade e as novas ideas, e con todos os membros do noso grupo de investigación. Quixera destacar especialmente a labor fundamental da Dra. Irene Lostalé Seijo, quen supervisa toda a parte biolóxica que resultou fundamental para alcanzar esta nova axuda do ERC".
O enfoque do proxecto considérase revolucionario e ten o potencial de transformar os fundamentos da investigación en transporte de membrana. O trabalho baséase en investigacións pioneras do mesmo equipo, previamente publicadas en revistas de alto impacto como Nature, JACS e Angewandte Chemie.
A concesión desta Synergy Grant consolida a traxectoria de excelencia do CiQUS, sendo a segunda que recibe o centro tras a obtida por Diego Peña en 2020 para o proxecto MolDAM. O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, nesta mesma convocatoria, a USC logra un fito institucional ao conseguir unha segunda Synergy Grant para o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
Unha carreira dedicada a cruzar fronteiras científicas
Javier Montenegro desenvolveu a súa carreira en centros de prestixio internacional. Doutorouse na USC e realizou estancias na Universidade de Cambridge, o Scripps Research Institute e a Universidade de Xenebra. Ao seu regreso incorporouse ao CiQUS, onde o seu trabalho na fronteira entre a química orgánica sintética e a supramolecular aplicada á bioloxía foi recoñecido cunha Starting Grant do ERC (2015) para o proxecto DYNAP e, máis recentemente, con 2,5 millóns de euros nunha axuda do EIC-Transition do Consello Europeo de Innovación para trasladar ao mercado a tecnoloxía TraffikGene. Actualmente, o investigador está adscrito ao programa Oportunius da Xunta de Galicia, orientado á retención de talento de primeiro nivel.
Sobre as Synergy Grants do ERC
As Synergy Grants do Consello Europeo de Investigación (ERC) están entre as axudas máis competitivas e prestixiosas de Europa. Destinadas a grupos de entre dous e catro investigadores principais, financian con ata 10 millóns de euros proxectos de ata 6 anos que aborden problemas de investigación ambiciosos que non poderían ser resolvidos de forma individual.
• Un consorcio internacional de catro universidades obtivo unha Synergy Grant do Consello Europeo de Investigación para superar unha das grandes barreiras da medicina: o transporte de fármacos a través da membrana celular. | Foto: Santi Alvite
• O equipo recibirá unha financiación de 10 millóns de euros para desenvolver unha estratexia radicalmente nova baseada no fenómeno da caotropicidade, que aproveita as propiedades únicas duns transportadores moleculares para facilitar a entrada de moléculas terapéuticas no interior das células.

