Cómo identificar en minutos o tipo de uva en viños brancos

27/11/2013

A Real Academia Galega de Ciencias premiou este traballo realizado polo Profesor Ricardo Riguera, investigador do CIQUS, e Manuel Martín (responsable da Unidade de Resonancia Magnética na USC.

O equipo da USC identifica en minutos as variedades de uva empregadas en viñoos brancos

Os investigadores desenvolveron un procedemento para a identificación automática, en cuestión de minutos, das variedades de uva empregadas en viños brancos acollidos ás Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

Tomando unha pequena mostra de viño realízase unha análise química mediante resonancia magnética nuclear e compárase coa base de datos elaborada tamén no marco deste proxecto, na que se caracterizaron preto dun cento de viños mono e plurivarietais representativos das variedades maioritarias de uva en Galicia: Albariña, Godello, Treixadura, Palomino e algunhas minoritarias como Loureiro, Dona Branca e Torrontés.

Os investigadores lograron identificar unha serie de parámetros característicos de cada variedade, de maneira que se poden usar a modo de “pegada dixital” para comparala con outros viños.

A validez destas "pegadas" para identificar rapidamente a variedade de uva empregada na vinificación no caso dos viños monovarietais ou as variedades combinadas no dos plurivarietais foi testado con 94 viños. A pesar da reducida base de datos, o sistema rexistra un nivel de acerto na clasificación igual ou superior ao 95% nos monovarietais e unha porcentaxe similar nos plurivarietais, sempre que a proporción do compoñente minoritario nestes últimos sexa polo menos do 25%.

A utilización de análises químicas para determinar os compoñentes dun viño está xa moi implantada, pero o tipo de técnica que se vén utilizando (principalmente a cromatografía) fai que o proceso sexa lento e custoso, entre outras cousas porque esixe realizar análises separadas de cada compoñente e o viño é unha mestura complexa con multitude deles. A técnica presentada polos investigadores galardoados pola RAGC supón unha alternativa sinxela, rápida e tecnicamente fiable.

Os investigadores teñen previsto continuar con esta liña de traballo para ampliar a base de datos de viños, reducir o umbral mínimo de identificación de variedades por baixo desde 25%, incorporar novas variedades de uva minoritarias ao seu catálogo e introducir outras técnicas de análise química.