Hundreds engage with cutting-edge research in upcoming edition of Ciencia Singular

24/11/2023

 

  • O sábado 25 de novembro, as portas da Rede de Centros Singulares de Investigación (CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE) abriranse para amosar á cidadanía o seu labor científico a través de charlas, conversas, experimentos e obradoiros para todos os públicos
  • Ciencia Singular procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás e transmitir á sociedade a relevancia do traballo diario que se desenvolve nos catro centros
  • O grande interese da xornada provocou que, un ano máis, as prazas se esgotasen en apenas 24 horas

 

As portas da Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abriranse á cidadanía este sábado 25 de novembro, co gallo dunha nova edición da xornada Ciencia Singular. Persoas de todas as idades percorrerán as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve día a día neles. Estes centros forman tamén parte da rede CIGUS, que integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto da investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes descubrirán a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular ou a física. Con este programa, Ciencia Singular procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano. Unha vez máis, a xornada xerou un grande interese, e esgotou as prazas dispoñibles en apenas 24 horas.

CiQUS
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) mergullarase de cheo un ano máis na xornada de portas abertas. Máis de 80 persoas, incluíndo investigadores sénior e júnior, voluntarios e técnicos do centro unirán esforzos para achegar a Química aos cidadáns o próximo día 25. Este ano, quen visite o CiQUS poderán coñecer de primeira man a investigación de vangarda que leva a cabo nos laboratorio de catro investigadores do centro que obtiveron o respaldo do prestixioso Consello Europeo de Investigación (ERC): José Luis Mascareñas, Diego Peña, Beatriz Pelaz e Javier Montenegro.

A maiores, durante o percorrido os asistentes toparanse con distintos recunchos de ciencia que abordarán cuestións tan interesantes como o transporte de biomoléculas, os materiais bioinspirados e a simulación molecular. Como é habitual, haberá tempo para percorrer as instalacións do centro e coñecer as principais técnicas instrumentais e as súas aplicacións, mentres os cativos gozan xogando coa ciencia nos obradoiros infantís, unha actividade especialmente deseñada para que os rapaces poidan aprender ao mesmo tempo que se divirten.

CiMUS
Este ano, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) ofrecerá aos máis novos a oportunidade de mergullarse na ciencia a través dos "Obradoiros Ciencia Divertida". Os nenos e nenas de 6 a 11 anos poderán participar en emocionantes actividades, dende a elaboración de dentífrico natural ata explorar o fascinante mundo das células animais e vexetais a través do microscopio. O programa tamén incluirá charlas divulgativas para todos os públicos, que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do CiMUS. Entre os temas destacados atópanse os proxectos "Xenoma Humano" (Ángel Carracedo), a rexeneración cerebral (Jannette Rodríguez), a obesidade e enfermidades asociadas (Rubén Nogueiras), e as defensas do corpo humano (Iria Gómez).

E o público adulto terá a oportunidade de visitar o laboratorio da plataforma Innopharma e a súa recente ampliación, así como obradoiros que ofrecerán experiencias en áreas como o sistema nervioso e a figura científica de Santiago Ramón y Cajal, a utilidade de imaxes infrarroxas no estudo da graxa parda, a estrutura e funcionamento do corazón, como o cerebro nos engana coas ilusións ópticas, a farmacoxenética e o proxecto do centro que participa na campaña de mecenado "Sumo Valor" da USC: “Loitando contra a calcificación vascular” para previr enfermidades cardiovasculares.

CiTIUS
Un ano máis, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) afronta coa ilusión da primeira vez unha nova edición de Ciencia Singular. Nun momento de máxima auxe da Intelixencia Artificial e as tecnoloxías intelixentes, o equipo investigador do centro compartirá un completo programa de actividades para toda a familia, procurando que o paso das persoas curiosas que visitarán o centro deixe unha imaxe positiva e optimista na sociedade sobre como a tecnoloxía está a mudar, a mellor, as nosas vidas.

Así, IAs que aprenden galego ou son quen de transformar a nosa propia voz, convivirán neste Ciencia Singular con viaxes de Realidade Virtual polo mundo molecular, robots que imitan o sentido do tacto humano, microchips que aprenden e toman decisións ou tecnoloxías capaces de detectar e seguir automaticamente distintos obxectos. O programa complétase con catro charlas de divulgación ao longo do día, que ofrecerán unha visión dos distintos usos e aplicacións da Intelixencia Artificial.

IGFAE
Desde o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, o persoal contará como se desenvolve a investigación nas diversas áreas da física nas que traballa. Así, as charlas divulgativas abordarán as novas fronteiras da astronomía de raios cósmicos e ondas gravitacionais (Verónica Villa e Yago Lema), o misterio dos neutrinos (Diego Costas e Lidia Carcedo), o asombroso universo cuántico (Jose Edelstein) ou as claves dos detectores de partículas máis potentes do mundo (Iván Cambón e Alicia Muñoz).

Por outra banda, os obradoiros infantís (de 6 a 12/13 anos), mesturarán a papiroflexia coa electrónica, ensinarán á rapazada a crear hologramas e axudarán a experimentar a gravidade a través dun videoxogo. Ademais, para o público xuvenil e adulto, as persoas que se acheguen ao IGFAE terán un amplo abano de actividades lúdicas: converteranse en ‘partículas humanas’ a través dun xogo, observarán raios cósmicos a través da realidade virtual, rexistrarán a radiación que nos atravesa usando un detector portátil, coñecerán como funciona un ordenador cuántico, visitarán o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións e aprenderán como se distribúen os núcleos atómicos en tres dimensións grazas ás pezas LEGO.

In the media