O CiQUS obtén o seu terceiro proxecto financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC)

03/12/2015

Javier Montenegro García, investigador Ramón y Cajal do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela – USC), obtivo unha Starting Grant, axuda máis prestixiosa que se concede en Europa a xóvenes investigadores. O seu proxecto DYNAP (Dynamic Cell Penetrating Peptides) foi seleccionado polo Consello Europeo de Investigación (ERC – European Research Council) para recibir financiación ao longo dos vindeiros cinco anos, cun importe aproximado dun millón e medio de euros.

As axudas Starting Grant (StG) outorgadas polo Consello Europeo de Investigación están destinadas a xóvenes investigadores cunha traxectoria profesional prometedora. O seu obxectivo esencial, como explica o propio Consello, é «apoiar os futuros directores de investigación que estean a piques de establecer ou consolidar un equipo de investigación axeitado para afrontar investigacións independentes en Europa»

Un dos aspectos singulares do proxecto –valorado de forma favorable na concesión da axuda- é que no seu desenvolvemento se aplicarán conceptos na fronteira do coñecemento, combinando a química, bioloxía e os novos materiais. Ademais, a iniciativa liderada polo Dr. Javier Montenegro tratará de atopar novas formas de atravesar a membrana celular de forma selectiva. A propia membrana será empregada como o molde biolóxico axeitado para esculpir as moléculas transportadoras, definindo así a súa forma ideal. Os potenciais resultados atoparán aplicacións en campos como a diagnose de enfermedades, o transporte de fármacos e a terapia xénica.

Este novo aval á excelencia investigadora do CIQUS súmase ao obtido previamente coas axudas concedidas aos científicos Francisco Rivadulla (Starting Grant, 2010) e José Luis Mascareñas (Advanced Grant, 2013), quen na actualidade ostenta ademais o cargo de Director Científico do centro. Ademais, nos últimos anos outros catro investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conseguiron tamén outras catro StG nos campos da medicina e a física: Miguel López e Rubén Nogueiras, co CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), xunto a Carlos Salgado e Diego Martínez (Facultade de Física).

Programa IDEAS

No marco do VII Programa Marco de I+D, a Comisión Europea puxo en marcha a iniciativa IDEAS a través do European Research Council, co obxectivo de financia-la investigación de excelencia máis competitiva en áreas emerxentes ou altamente innovadoras. O programa IDEAS selecciona cada ano os mellores científicos do continente co obxectivo de darlle o seu apoio, sexan senior (Advanced Grant) ou xóvenes investigadores (Consolidator Grant e Starting Grant). Unha línea de financiación que fai viable o desenvolvemento de proxectos de investigación arriscados pero que, ao mesmo tempo, carrexan un elevado potencial de impacto nos seus resultados.

Trátase dun programa extremadamente competitivo, no que participan os máis prestixiosos investigadores europeos: só arredor do 10% das propostas son seleccionadas en cada convocatoria, sobre as 3000 solicitudes que a Comisión Europea recibe anualmente. En 2015, a Starting Grant concedeuse unicamente a 291 proxectos, dos que só 12 se desenvolverán en España.

Guiando ao conselleiro

O novo Starting Grant do CiQUS exerceu de anfitrión onte na visita guiada que Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia realizou ás instalacións do centro a pasada semana, co obxectivo de coñecer de preto os seus proxectos e intercambiar posturas arredor da actividade científica, co fin de aborda-los retos e líñas de futuro da investigación en Galicia