Martín Fañanás gaña o Premio nacional 'Joven Investigador' que conceden conxuntamente a Real Sociedade Española de Química e a compañía farmacéutica ‘Lilly’.
![]() |
Martín Fañanás Mastral, investigador Ramón y Cajal del CiQUS premiado por Lilly y la RSEQ. / Andrés Ruiz. |
O investigador 'Ramón y Cajal' do CiQUS Martín Fañanás vén de ser recoñecido co Premio 'Joven Investigador' que cada ano outorga a RSEQ (Real Sociedade Española de Química), xunto á empresa farmacéutica Lilly. O premio, que distingue a excelencia na calidade científica e a traxectoria profesional de investigadores españois menores de 40 anos, puxo o foco nesta ocasión sobre as metodoloxías sintéticas deseñadas por Fañanás, que permiten a transformación directa, sustentable e eficiente de materias primas simples e abundantes, como os hidrocarburos, en compostos máis complexos e de alto valor engadido.
«É unha gran honra recibir este premio», confesa Martín. «Agradézoo e aprécioo enormemente, xa que supón un recoñecemento á miña traxectoria profesional». O investigador do CiQUS confía en que este premio contribúa a dar unha mierande visibilidade ao seu labor científico: «supón un estímulo moi importante para seguir traballando e tentar achegar o meu granito de area á sociedade desde a investigación fundamental», asegura.
Un longo camiño ata Santiago
Martín Fañanás Mastral licenciouse en Química pola Universidade de Oviedo en 2002. Posteriormente cursou estudos de doutoramento na mesma universidade cunha bolsa predoutoral FPU do Ministerio de Ciencia, baixo a supervisión dos profesores José Barluenga e Fernando Aznar. Durante a súa etapa predoctoral realizou unha estancia no grupo do Profesor Steve Lei (Universidade de Cambridge, Reino Unido), ao longo da cal traballou na síntese total dun produto natural (Bengazol A).
En novembro de 2007 acadou o grao de doutor coa máxima cualificación (Sobresaliente Cum Laude) tras defender con éxito a súa tese, un traballo que recibiría o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade de Oviedo. En xaneiro de 2009 foi contratado pola Universidade de Groningen (Países Baixos) onde traballou como investigador posdoutoral no grupo do Profesor Ben L. Feringa (Premio Nobel de Química 2016).
Ata a data Martín Fañanás Mastral ten publicado 55 artigos nalgunhas das revistas máis prestixiosas e de maior índice de impacto no seu campo, e o seu traballo foi presentado en diversos congresos internacionais (20 conferencias en total, 11 delas como investigador invitado). En 2015 foi galardoado co premio Thieme Chemistry Journal Award, e en 2016 gañou tamén o Premio Sigma-Aldrich 2016 a Mozos Investigadores da RSEQ.