O doutorando do CiQUS Rodrigo Bernárdez Alfaya defende a súa tese e convértese en novo doutor do centro.
Rodrigo Bernárdez, ata hai unhas horas investigador predoutoral do CiQUS no grupo Saá-Varela-Fañanás, é xa novo doutor egresado do centro trala defensa esta mañá da súa tese na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O traballo, titulado «Heterociclacións catalizadas por hidruros de metais de transición» foi dirixido polos profesores Carlos Saá e Jesús A. Varela, co financiamento do MINECO e da Xunta de Galicia.
Bernárdez presentou hoxe as distintas aproximacións desenvolvidas ao longo do seu período de formación doutoral, na que se estudaron as reaccións de cicloisomerización catalizadas por hidruros de metais de transición para a formación de compostos heterocíclicos.
O estudo describe tamén a formación e atrapado de catións iminio a través da isomerización de dobres enlaces carbono-carbono sobre longas distancias mediante un proceso de catálisis dual (Org. Lett. 2016, 18, 642-645), e presenta a síntese de heterociclos nitroxenados de sete membros mediante a xeración catalítica dun intermedio p- alílico.