O Grupo Especializado de Resonancia Magnética Nuclear (GERMN) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) concede o premio ‘GERMN- Bruker’ 2018 ao investigador principal do CiQUS e catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela Ricardo Riguera.
O grupo especializado de RMN (GERMN) da Sociedade Española de Química (RSEQ) concedeu recentemente na súa reunión Bienal de Lisboa, o premio ‘ GERMN- Bruker’ 2018 ao investigador principal do CiQUS e Catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela e Ricardo Riguera. A distinción recoñece a súa contribución ao campo da Resonancia Magnética Nuclear (RMN) e en particular ao desenvolvemento de métodos para a determinación da configuración absoluta de compostos orgánicos.
O premio GERMN - Bruker foi establecido polo grupo especializado de RMN (GERMN) co patrocinio da compañía de instrumentación científica Bruker española S.A., co gallo de distinguir aos investigadores españois que fixesen importantes contribucións á espectroscopía de RMN.
O Prof. Riguera é autor dunhas 250 publicacións sobre determinación estrutural, química médica metodoloxía sintética e RMN –entre outros temas-, centrándose nestes últimos anos en polímeros intelixentes, biopolímeros e dendrímeros con aplicacións biomédicas.
No campo da RMN, as contribucións do grupo do Prof. Riguera permitiron establecer claramente os fundamentos do método para a determinación da configuración absoluta, a estrutura xeral e o papel dos reactivos auxiliares quirais (CDA), estendendo asemade a súa aplicación a máis dunha ducia de distintas clases de compostos. É autor dos traballos de revisión, capítulos de libros e de enciclopedias de referencia sobre o tema, así como dun libro sobre esta técnica (Oxford University Press 2015).