Numerosos colegas e un Premio Nobel participan no tributo a Luis Castedo

30/11/2018

Jean Pierre Sauvage, Premio Nobel de Química 2016, participou este venres como relator destacado no simposio ‘Prospects in Chemical Sciences II’, un encontro organizado en homenaxe aos 80 aniversarios do catedrático Luís Castedo, figura clave da Química Orgánica en España.


O salón de actos da Facultade de Química da USC abarrotouse esta mañá nun ambiente distendido e case familiar con motivo do simposio-tributo en conmemoración dos 80 aniversarios de Luis Castedo, un dos científicos clave na área da Química Orgánica en España e mentor de moitos dos colegas que hoxe lle renderon homenaxe, entre os que figuraban numerosos investigadores principais (IPs) do CiQUS. O congreso contou coa colaboración dun invitado especial no marco do Programa ‘Conciencia’ da USC: o Premio Nobel de Química en 2016, Jean-Pierre Sauvage.

No acto inaugural do simposio participaron o Director Científico do CiQUS, José Luis Mascareñas; o Presidente da Real Sociedade Española de Química, Antonio M. Echavarren; a Conselleira de Educación, Carmen Pomar; a decana da Facultade de Química, Pilar Bermejo; e o reitor da USC, Antonio López Díaz. Todos eles coincidiron en destacar a brillante traxectoria do científico galego homenaxeado.

Pola súa banda, o científico francés laureado pola academia sueca en 2016 foi o encargado de inaugurar o encontro explicando o proceso de fabricación das «máquinas moleculares» , unha achega científica que supuxo para el a concesión dun Premio Nobel e que comezou cos seus primeiros pasos no mundo da investigación nos anos 80; deste xeito, o reputado Profesor resumiu a súa traxectoria ata o momento no que logrou sintetizar catenanos por primeira vez, uns aneis moleculares entrelazados que están na base das máquinas moleculares e cuxo movemento pode ser controlado mediante luz ou correntes eléctricas.

Sauvage foi precedido por outros referentes internacionais en Química, como Chris Abell (Universidade de Cambridge, Reino Unido), Cristina Nevado (Universidade de Zúric , Suíza), Maurizio Prato (Universidade de Trieste, Italia - CIC BiomaGUNE, España), e Eric Jacobsen (Universidade de Harvard, Estados Unidos).

Tras un acto final de homenaxe e recoñecemento ao Profesor Luis Castedo, o químico e ex vicepresidente do Goberno español Alfredo Pérez Rubalcaba clausurou o congreso cunha charla titulada El Despegue de la Ciencia en España en los años 80.