O pasado luns 10 de decembro máis de 150 persoas, pertencentes a 15 institucións de investigación diferentes, asistiron ao Workshop on Nanomedicine organizado pola Rede de Centros Singulares do Campus Vida na Universidade de Santiago de Compostela e a colaboración do proxecto NanoValor.
Ao longo de 8 relatorios, diferentes investigadores abordaron interesantes temáticas como o nanoteragnóstico, novos biomateriales, o desenvolvemento de novas nanomedicinas, para rematar cun animado debate sobre os procesos e os retos que se presentan para a transferencia de coñecemento no ámbito da nanomedicina. Para finalizar a xornada, realizouse unha mesa de debate sobre a translación de resultados de investigación no ámbito da biomedicina.
Por parte dos investigadores invitados, a profesora Joyce Wong (Boston University) demostrou a produción de microburbullas estables e orientadas monodispersas con ruptura controlable, que teñen o potencial de ser axentes teranósticos por ultrasóns personalizados para diagnóstico por imaxe e tratamento terapéutico.
Á súa vez o profesor Tito Trindade (Universidade de Aveiro) ilustrou o interese dos materiais nanocompostos en varias bio-aplicacións que inclúen a detección óptica de bioanalitos e a entrega controlada de drogas e produtos antimicrobianos, mentres que o profesor Mario Barbosa (INEB-Universidade de Oporto) expuxo os seus últimos avances na rexeneración de tecidos coa axuda de estruturas que se autoensamblan no medio biolóxico, revisando ademais o papel das células inflamatorias no proceso rexenerativo.
Varios investigadores da Rede de Centros Singulares da USC, concretamente do CIMUS e o CIQUS, achegaron tamén a súa visión. Así, por parte do CIMUS, Anxo Vidal destacou as oportunidades e retos da nanotecnoloxía na terapia do cancro, mentres que María José Alonso repasou as aplicacións das nanopartículas transportadoras de fármacos que se desenvolveron no seu grupo de investigación, entre as cales están o tratamento do cancro, nanovacinas e a aplicación de péptidos por vía oral.
En representación do CIQUS, José Luis Mascareñas explicou como as moléculas que deseñaron son capaces de interaccionar co ADN, inseríndose no seu suco menor, mentres que outras serven como sensores ópticos luminiscentes para detectar marcadores biolóxicos relacionados co cancro. Eduardo Fernández Megía expuxo posibles aplicacións médicas dunhas nanoestruturas poliméricas biocompatibles desenvolvidas no seu grupo. Finalmente, Juan Granja mostrou como moléculas cíclicas de péptidos se autoensamblan para formar nanotubos que interacccionan coa membra da células, o que pode dar lugar a novos fármacos.
Para finalizar a xornada, na mesa redonda os representantes do ámbito académico, capital risco, fundacións, PEMEs de base tecnolóxica e da grande industria farmacéutica expuxeron as súas respectivas visións sobre as claves e retos actuais na translación de resultados de investigación no ámbito da biomedicina.
Como conclusións do devandito debate, en canto ao ámbito da investigación destacouse o desenvolvemento aínda pendente en nanotransportadores selectivos para dianas terapéuticas específicas, a gran promesa que supón a rexeneración de tecidos e a necesidade dunha investigación máis colaboradora e transdisciplinar, integrando de modo efectivo a innovación aberta. Tamén se remarcou a necesidade dun maior uso e desenvolvemento de ferramentas que permitan unha avaliación máis temperá e eficaz do potencial de novos compostos.
Polo que respecta á transferencia de resultados e o desenvolvemento de negocio, remarcouse a importancia de: dispoñer de xestores e capital risco especializados no ámbito da nanomedicina; a xestión do risco e lograr un axeitado equilibro entre investimentos a longo prazo e ingresos a curto prazo; avanzar cara a un posicionamento internacional; e o imprescindible apoio financeiro institucional. Finalmente recordouse a importancia de completar un axeitado desenvolvemento de novas normativas e recursos das axencias regulatorias no ámbito xeral da nanotecnologia.