O Dr. David Glowacki, da Universidade de Bristol, visitará esta semana o Campus Vida no marco das actividades da Rede de Ciencias e Materiais Moleculares. Durante a súa visita iimpartirá unha conferencia sobre modelización dinámica de enzimas (mércores 21, no aula de seminarios do CIQUS) e unha charla de interese multidisciplinar sobre o novidoso sistema audiovisual interactivo que ven de presentar públicamente no Barbican Arts Centre de Londres, no marco das Olimpiadas Culturais 2012. Este segundo acto terá lugar o vindeiro martes 20 de novembro ás 12:00 no salón de actos do CITIUS, e forma parte do programa de seminarios internacionais de Campus Vida «Frontiers in Science».
Natural de Milwaukee (EEUU) o profesor Glowacki traballa como docente e investigador post-doutoral no Reino Unido, na Universidade de Bristol. Malia a súa xuventude, ten publicado xa numerosos artigos en revistas científicas de prestixio coma o semanario Science, e desenvolveu este proxecto no laboratorio multidisciplinar Pervasive Media Studio.
«danceroom Spectroscopy (dS)» (Sala de Baile Espectroscópica) é unha nova ferramenta orientada ó mundo da danza, construída a partir de algoritmos utilizados habitualmente para simular a dinámica cuántica molecular. A partir dunha matriz de ata sete sensores de profundidade simultáneos, o sistema rastrexa o corpo humano e traduce a información de maneira literal, converténdoo nun «campo de enerxía». O resultado desta transformación é a creación dun sistema interactivo onde o movemento de cada individuo é tratado coma unha serie de alteracións producidas sobre un campo de enerxía virtual.
Graficamente, os usuarios perciben esta interacción a través das proxeccións do seu propio corpo -ou campo de enerxía- sobre unha pantalla, incrustado nunha simulación de miles de partículas interactivas que reaccionan perante o movemento. Os datos envíanse asemade a unha etapa de xeración musical electrónica, que permite escoitar o efecto sónico producido con cada perturbación provocada sobre o campo enerxético.
«danceroom Spectroscopy (dS)» materializa unha das vellas aspiracións da comunidade científica, por canto presenta unha nova forma de aproximarse á visualización do mundo microscópico, invisible ós ollos humanos. A principal novidade deste sistema é que sitúa o individuo dentro da imaxe: as persoas poden introducirse no «nano-mundo» que as rodea e interactuar con el.
«danceroom Spectroscopy (dS)» convida o usuario a moverse, observar, xogar... e mesmo bailar.