O pasado sábado 18 de febreiro finou o profesor Javier Benavente. O CiQUS lamenta profundamente a perda de quen fose Investigador Principal do centro desde a súa creación ata a súa xubilación, en 2020.
O Prof. Benavente realizou a súa tese doutoral no Departamento de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) baixo a dirección do Dr. Ignacio Ribas Marqués (xuño de 1980). Posteriormente, realizou dúas estancias postdoutorais no entón emerxente campo da bioloxía molecular dos virus. A primeira, de tres anos, foi no Downstate Medical Center, New York University (Brooklyn, NY, USA) baixo a supervisión do Dr. Mariano Esteban, de quen foi o seu primeiro investigador postdoutoral, para investigar o efecto do interferón na replicación do virus vaccinia. A segunda estancia, doutros tres anos, foi no Roche Institute of Molecular Biology (Nutley, NJ, USA), baixo a supervisión do Dr. Aaron Shatkin, descubridor do “cap” do extremo 5´ dos mRNAs eucariotas, para estudar a bioloxía molecular de reovirus.
Xa de volta na USC obtivo o posto de Profesor Titular no ano 1986, iniciando entón desde cero un laboratorio de Viroloxía Molecular na Facultade de Farmacia para estudar a bioloxía molecular dos reovirus aviarios. Alí traballou na determinación das funcións de todas as proteínas codificadas polos reovirus aviarios, investigando as interaccións coa célula hóspede e dilucidando a vía de ensamblaxe dos reoviriones. Ademais de ser referencia mundial deste tipo de virus, entre outros logros, o seu laboratorio describiu por primeira vez a existencia dun xene tricistrónico nun RNA mensaxeiro eucariota. No ano 2002 foi nomeado Catedrático no Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, onde estivo adscrito ata a súa xubilación no ano 2020.
Xunto ao Prof. José Manuel Martínez Costas, foi seleccionado en 2010 para incorporarse ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) como líder de grupo, converténdose nunha figura clave na evolución do perfil do centro cara á química biolóxica. Dirixiu 17 tese doutoral, deixando unha gran pegada científica e educativa en todos os seus discípulos, moitos dos cales se incorporaron a postos académicos e profesionais de gran relevancia.
De pai veterinario, Javier era natural de Silleda pero o seu segundo fogar era Vilanova de Arousa, onde tiña a súa familia e atracaba o seu barco. Entre as súas grandes afeccións tamén estaba o seu xardín, onde producía tomates que repartía logo xenerosamente entre os seus amigos. Os seus compañeiros destacan que era unha gran persoa, con xenial sentido do humor e unha habilidade especial para a retranca. Ademais era un gran conversador, e cun optimismo contaxioso, que mesmo mantivo durante a súa enfermidade.
Botarémolo moito de menos. Descanse en paz.