Andrea Veiga, GCiencia.
No medio do ruído dunha guerra que obrigou a numerosos investigadores ucraínos a abandonar os seus laboratorios, o doutor Oleg Dimitriev atopou en Santiago de Compostela un lugar de calma e creación científica. Chegou en setembro ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), acollido polo programa ERC for Ukraine, unha iniciativa europea destinada a ofrecer apoio a científicos desprazados polo conflito.
Manuel Souto, investigador principal do CiQUS e líder do grupo ElectroMolMat, comezou a inscribirse en diversas iniciativas europeas no ano 2022, coincidindo co estalido do conflito entre Rusia e Ucraína, co obxectivo de acoller refuxiados ucraínos, especialmente investigadores. O Consello Europeo de Investigación (ERC) animaba daquela aos investigadores de excelencia en Europa a ofrecer acollida aos seus homólogos ucraínos.
Foi así como o doutor Dimitriev, que traballa actualmente no Instituto de Física de Semiconductores na Academia Nacional de Ciencias de Ucraína (Kiev), conseguiu contactar con Souto en febreiro a través dunha das listas que se difundían entre investigadores ucraínos. Entre ataques con drons e alarmas aéreas, Dimitriev buscaba unha vía de escape. "A partir do interese mutuo e da sinxerxia entre as nosas liñas de investigación, escribiume pola miña experiencia", lembra o investigador do CiQUS.
No seu centro de orixe, a investigación de Oleg Dimitriev céntrase na electrónica orgánica, concretamente nas propiedades ópticas das moléculas orgánicas e dos polímeros condutores. "Estudo diferentes características ópticas, como a absorción, a fotoluminiscencia, a conversión de enerxía e outras propiedades relacionadas", explica o investigador kievita, un eido no que tamén traballan en Santiago: "Aquí sintetizan moléculas orgánicas con propiedades ópticas interesantes", comenta.
Segundo explica Manuel Souto, o programa ERC for Ukraine naceu co obxectivo de facilitar a contratación de investigadores ucraínos refuxiados. "Buscaban que os investigadores principais de proxectos ERC contratasen e apoiasen a persoal ucraíno, sempre cun encaixe na súa liña de investigación", comenta.
A súa estancia, financiada por Manuel Souto ata finais de outubro, traduciuse en dous meses intensos e produtivos tanto no ámbito científico como no educativo, e mesmo deu lugar ao inicio dunha nova colaboración. "Teño experiencia non só na investigación, senón tamén na docencia", explica Dimitriev. Nesa liña, desenvolveu un curso especializado sobre fotofísica de moléculas orgánicas, que xa impartira anteriormente na Universidade de Linköping (Suecia).
O obxectivo de Oleg durante a súa estancia en Santiago, ademais de avanzar na súa investigación, era achegar o seu coñecemento a un novo público interesado na fotofísica orgánica. A iniciativa contou dende o inicio cunha excelente acollida tanto por parte da Universidade de Santiago como do propio Manuel Souto.
Durante as dúas primeiras semanas de súa estancia, Oleg Dimitriev impartiu un curso dirixido a todos os estudantes interesados nos fundamentos da fotofísica das moléculas orgánicas. Preto de trinta estudantes asistiron ás sesións desta formación, que está estruturada en dúas partes e comprende doce clases en total, das cales nesta ocasión se desenvolveu só a primeira parte.
"A primeira parte centrouse nos coñecementos básicos: procesos de excitación, transferencia, conversión e relaxación de enerxía", explica Dimitriev, quen destaca que todos estes procesos son fundamentais no seu campo de investigación. O seu obxectivo principal era que os participantes adquirisen a capacidade de describir e comprender estes fenómenos con precisión.
Estas sesións resultaron enriquecedoras, tanto para o docente como para o alumnado. "Oleg Dimitriev compartiu a súa ampla experiencia no ámbito da fotofísica orgánica", sinala Manuel Souto, quen subliña a alta implicación dos estudantes, reflectida nas súas preguntas, responsabilidade e interese por relacionar os contidos do curso cos seus propios proxectos de investigación.
A estancia de Dimitriev en Santiago tamén tivo impacto na investigación, xa que deu lugar ao inicio dunha colaboración co grupo ElectroMolMat, comenzada mesmo antes da súa chegada ao CiQUS. "Axudounos a interpretar datos de luminiscencia e as propiedades ópticas das moléculas orgánicas, como experto en fotofísica", explica Manuel Souto.
Co seu traslado, a colaboraión intensificou e permitiu comezar a redacción de artigos de investigación conxuntos. "Está a ser unha estancia moi produtiva", engade Souto, porque a proximidade facilita a interacción e o intercambio de ideas.
O papel de Oleg Dimitriev dentro do grupo céntrase na interpretación de datos de fluorescencia de moléculas orgánicas especialmente relevantes, analizando espectros de emisión e o seu potencial óptico. "Hai técnicas específicas nas que el é experto, e permítenos comprender mellor as propiedades luminiscentes das nosas moléculas", sinala Souto, quen destaca o valor complementario que achega ao traballo do equipo.
Ademais, o doutor Dimitriev propuxo un novo proxecto: un experimento para estudar as propiedades estruturais das moléculas mediante difracción de raios X. Neste momento, o experimento atópase en marcha, abrindo novas vías de investigación.
A lección máis fonda que deixa esta estancia vai máis aló do coñecemento científico e entra no terreo humano: "Para min, o máis enriquecedor é que axudas a unha persoa que poderías ser ti", explica Manuel Souto. A acollida dun investigador procedente dun país en conflito bélico pon de manifesto o valor humano e solidario da ciencia, que vai moito máis aló dos laboratorios.
Un dos momentos máis emocionantes que lembra Souto é o vivido no primeiro día da chegada de Oleg a Santiago, cando o investigador puido reencontrarse coas súas fillas despois de dous anos sen velas. Ademais, no grupo Electromolmat atopou unha segunda familia: un equipo internacional no que se fala principalmente inglés e onde Oleg se integrou con facilidade, participando en seminarios e colaborando nos proxectos dos estudantes.
Durante a súa primeira semana, Dimitriev dedicouse a adaptarse ao novo entorno, que lle resulta totalmente novo. Pronto, porén, Santiago de Compostela entrou no seu corazón: "É unha cidade pequena, con moitos turistas e unha natureza fermosa". Tamén destaca o clima suave, moi distinto ao frío e ás chuvias intensas de Ucraína nestes meses de outono. Na súa experiencia, mesmo se atreveu a tomar un baño nas frías augas do Atlántico.
"O importante é librarnos desta situación de guerra, porque quedar en Ucraína non é moi sinxelo", sinala Dimitriev, quen fala dende a tranquilidade e gratitude polo tempo que pasa no CiQUS. Para Souto, esta experiencia resume unha idea esencial: "A ciencia non ten fronteiras".

Oleg Dimitriev no CiQUS.

Oleg Dimitriev con membros do grupo Electromolmat.

