Desvelan os detalles dun proceso esencial nas bacterias de tuberculose e cancro de estómago

18/03/2014

Os resultados, destacados como Spotlight na revista Biochemical Journal, permitirán o desenvolvemento de novos antibióticos

A profesora Concepción González-Bello do CIQUS (Universidade de Santiago de Compostela) e o profesor Federico Gago (Universidade de Alcalá), identificaron un residuo de aminoácido, ata agora descoñecido, que desencadea unha reacción catalizada por unha encima que é vital para bacterias como as causantes da tuberculose (Mycobacterium tuberculose) ou o cancro de estómago (Helicobacter pylori).
Tras numerosos estudos bioquímicos e computacionais, os investigadores desvelaron todos os detalles de como este residuo desencadea a reacción catalizada pola encima deshidroquinasa tipo II. Dado que esta encima non está presente en humanos, este coñecemento é moi valioso no desenvolvemento racional de novos antibióticos que superen estas enfermidades infecciosas que xa supoñen un elevado custo humano e económico na nosa sociedade.

O grupo de investigación da Profesora González-Bello seguiu esta estratexia durante os últimos anos, chegando a desenvolver e patentar potentes compostos capaces de matar de fame a bacteria ao bloquear os seus procesos vitais.

 

Entrevista na radio: Radiofusión

Artigo "Mechanistic Insight into the Reaction Catalysed by Bacterial Type II Dehydroquinase"

Revista: Biochemical Journal (Spotlight)