A USC oferta un novo programa de máster de perfil interdisciplinar e con vocación internacional, vinculado ao ámbito de investigación do CiQUS. A ambiciosa iniciativa académica iniciará a súa actividade en setembro.
O primeiro máster oficial en España para titulados superiores que desexen profundar na ciencia na fronteira entre a química, a bioloxía e os nanomateriais inclúese entre as novidades da oferta académica da Universidade de Santiago para o curso académico 2019-2020. O Máster está adscrito á Facultade de Química e vinculado ao CiQUS, sendo a primeira titulación asociada a un Centro Singular de Investigación do Sistema Universitario Galego.
Moitos dos retos científicos e tecnolóxicos que afronta a sociedade actual deben abordarse desde perspectivas multidisciplinares. Neste contexto, o novo “Master in Chemistry at the Interface with Biology and Materials Science” proporcionará aos estudantes unha formación multi e interdisciplinar no ámbito das ciencias moleculares, e as súas posibles aplicacións en biomedicina e en ciencia dos materiais. O máster terá unha importante compoñente práctica, e capacitará aos estudantes para iniciar unha carreira investigadora ou para incorporarse ao mercado de traballo no contexto dos novos requisitos químico-tecnolóxicos da sociedade actual.
O novo máster impartirase integramente en inglés e terá unha duración dun ano e medio, en liña co marco europeo de referencia no que se pretende competir con outras institucións de primeiro nivel. Os contidos despregaranse a través de 5 módulos organizados ao longo dun ano e medio (3 semestres), tras os cales os alumnos cursarían un total de 90 créditos ECTS. O máster habilitará a posibilidade de realizar estancias curtas noutra institución, xa sexa un centro internacional ou unha empresa da contorna.
Un dos alicerces sobre os que se asenta o máster ofertado ten que ver co prestixio e a calidade do profesorado, que inclúe, entre outros, a 4 investigadores recoñecidos cun total de 6 proxectos ERC – (European Research Council). Os alumnos completarán a súa formación realizando o Traballo de Fin de Máster (TFM) nun dos 18 grupos do CiQUS. Estes traballos de investigación deberán estar enmarcados nalgunha das liñas estratéxicas do centro: Química Biolóxica e Médica, Materiais Funcionais con Aplicación Tecnolóxica ou Tecnoloxías Sintéticas para un Desenvolvemento Sustentable.
O período de matrícula para este novo máster, que terá un máximo de 20 estudantes, permanecerá aberto ata o próximo 19 de xullo. As candidaturas deberán presentarse telemáticamente a través da secretaría virtual da USC, e nelas os aspirantes deberán acreditar unha titulación superior nalgunha das disciplinas das Ciencias Experimentais (Química, Bioloxía, Farmacia, etc.), así como un nivel mínimo de inglés B1.
Máis información
Web oficial do máster
http://masterchembiomat.usc.es/
USC (información e matrícula)
http://www.usc.es/masteres/en/masters/ciencias/chemistry-interface-biology-materials-science