Ana Sousa recibe un Premio de investigación da Diputación de Pontevedra

12/10/2013

A viguesa Ana Sousa Hervés, doutorada no CIQUS (USC) recibiu o premio ex aequo á investigación que concede a Deputación de Pontevedra na área de Ciencias e Tecnoloxía pola súa tese doutoral 'Síntese e aplicacións biomédicas de dendrímeros GATG. Preparación de micelas PIC', dirixida por Ricardo Riguera Vega e Eduardo Fernandez-Megia.

A tese de Ana Sousa, actualmente nunha estanza postdoutoral en Alemaña, centrouse na síntese e funcionalización dunha nova familia de dendrímeros (GATG) e os correspondentes copolímeros de bloque PEG-dendrímero. Estes sistemas, ademais de posuír unha demostrada actividade biolóxica, poden organizarse en nanoestruturas de tipo electrostático como son as Micelas PIC.

Dos oito Premios Provinciais á Investigación 2012 concedidos pola Deputación de Pontevedra a metade recoñeceron o traballo de investigadores da USC, estando dous deles vinculados aos Centros Singulares de Investigación CITIUS e CIQUS.