A súa introdución na clínica supuxo unha revolución no tratamento de enfermidades psiquiátricas. Agora, un equipo do CiQUS especializado no descubrimento preliminar de fármacos achou un método de síntese que permite examinar novas áreas de aplicación biolóxica, ata hoxe inexploradas.
Se algo caracteriza os esforzos da comunidade investigadora na procura e desenvolvemento de novos fármacos é que esta require de múltiples aproximacións dende distintas disciplinas do coñecemento, sen as cales non sería posible a obtención de novos medicamentos.
Dende o punto de vista químico, unha das estratexias que mellor resultado ten dado á comunidade científica consiste na aplicación do concepto estrutura privilexiada, tamén referido como anel privilexiado. Trátase dun termo que alude ás propiedades estruturais de certos compostos cíclicos, entre cuxos compoñentes atópase, cando menos, un elemento diferente do carbono; isto convérteos en aneis heterocíclicos.
Da forma ao fondo: o valor da estrutura
As estruturas privilexiadas xogaron un papel decisivo no ámbito da investigación farmacolóxica. Grazas á súa capacidade para modular dianas biolóxicas distintas, estes aneis heterocíclicos foron quen de proporcionar un considerable número de fármacos para tratar patoloxías de moi distinta índole, entre outras cousas porque a súa utilización asociouse xeralmente cunha baixa incidencia de efectos adversos. Ademais, os aneis privilexiados permiten avanzar de xeito máis rápido e racional durante as distintas fases de procura e descubrimento de fármacos, un proceso cada vez máis complexo, competitivo e custoso.
Un exemplo arquetípico de estrutura privilexiada son as benzodiazepinas; a súa introdución no ámbito clínico supuxo unha revolución na terapéutica das enfermidades, especialmente no tratamento da ansiedade, o insomnio e a epilepsia. Con máis de 30 benzodiazepinas en uso clínico, ningún outro anel privilexiado contribuíu tanto ao arsenal terapéutico do que dispoñemos na actualidade, dando lugar a numerosos medicamentos comerciais de uso xeneralizado entre os que se encontran algúns moi coñecidos, como Valium®, Orfidal®, Lexatin® ou Trankimazin®. Pero a verdadeira singularidade deste tipo destes aneis reside na diversidade das súas aplicacións terapéuticas, destacando non só os seus efectos no tratamento de trastornos psiquiátricos, senón tamén a súa utilización como relaxante muscular e coadxuvante en anestesia odontolóxica ou endoscópica.
Explorando novas vías terapéuticas
A manipulación estrutural do anel benzodiazepínico no laboratorio permitiu eliminar a actividade sobre o sistema nervioso central, abrindo así a porta ao desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento de patoloxías totalmente distintas, como o cancro, a inflamación, a malaria, trastornos circulatorios ou enfermidades autoinmunes.
Agora, un traballo desenvolvido por investigadores do CiQUS e a Facultade de Farmacia da USC describe un novo método de síntese que proporciona derivados benzodiazepínicos para examinar espazos de diversidade previamente inexplorados, tanto a nivel esqueletal, como funcional ou estereoquímico. Baixo a dirección do profesor Eddy Sotelo, o traballo permitiu definir unha estratexia sintética eficiente, rápida e respectuosa co medioambiente -en liña coa doutrina Green Chemistry, ou Química Verde-, demostrando que a complexidade molecular é compatible coa simplicidade experimental.
O novo método, publicado na revista científica Journal of Organic Chemistry, permitiu obter máis de 80 moléculas representativas, cuxa singularidade estrutural foi validada durante a fase de avaliación farmacolóxica. Ademais de compostos con excelente acción ansiolítica, e previa manipulación estrutural para eliminar os efectos sobre o sistema nervioso central, identificáronse tamén moléculas moi potentes sobre dianas terapéuticas validadas en enfermidades como a diabete, a asma ou a tuberculose.
Os resultados desta investigación, na que tamén participaron científicos das universidades de Vigo e Valencia, supoñen un importante fito no traballo do grupo do profesor Sotelo, que centra boa parte dos seus esforzos no desenvolvemento de estratexias sintéticas multicompoñente co obxectivo de acelerar os procesos de xeración e optimización de candidatos a fármacos, especialmente aqueles orientados a patoloxías como o glaucoma, a enfermidade de Parkinson, a asma ou o cancro.