Seis investigadores do CiQUS obteñen financiamento para consolidar as súas carreiras científicas coa concesión das novas axudas ‘Ramón y Cajal’ e ‘Juan de la Cierva’, que veñen de publicar a Axencia Estatal de Investigación e o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.
![]() |
El Ministerio de Economía, Industria y Competitividad resuelve la concesión de seis nuevas ayudas postdoctorales en el CiQUS. |
Unha axuda Ramón e Cajal (RyC) e cinco Juan da Cierva (JdC) –dúas na modalidade de ‘Incorporación ’ e tres na de ‘Formación ’-. A Axencia Estatal de Investigación e o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade volven avalar a calidade científica do CiQUS coa inclusión de seis dos seus investigadores na resolución provisional das axudas que cada ano premian a excelencia dos científicos en etapa posdoutoral en España.
A avaliación das axudas Ramón y Cajal 2017 en Química deu lugar a unha lista con 13 beneficiarios en todo o país, tras unha estrita selección na que destaca a alta puntuación da doutora Beatriz Pelaz, que figura en terceiro lugar. A investigadora posdoutoral traballa actualmente no CiQUS como responsable dun proxecto para investigadores novos do Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade, centrado no desenvolvemento de nanocápsulas magnéticas e plasmónicas.
Motor de calidade e prestixio
Cómpre subliñar así mesmo a capacidade do CiQUS para atraer investigadores de excelencia procedentes doutras institucións, como demostra o fallo das Juan de la Cierva 2017, que deixou en quinta posición a Fátima García entre un total de 15 axudas reservadas á apartado ‘Incorporación’; xunto a esta investigadora, doutora pola Universidade Complutense de Madrid, a relación de candidaturas seleccionadas inclúe tamén ao postdoc Marc Font, que realizou a súa tese na Universidade de Xirona. Finalmente, as tres novas JdC obtidas no capítulo reservado ás axudas ‘Formación’ representan máis do 27% das 11 outorgadas polo Ministerio, con mención especial nos casos de Cristian Vidal (doutor pola Universidade de Oviedo) e Luís Martínez (Doutorado Universidade Rovira i Virgili), que quedaron en segunda e cuarta posición, respectivamente. A lista de investigadores do CiQUS complétase co investigador posdoutoral Ignacio Insua, doutor egresado pola Universidade de Birmingham.
A resolución destas axudas recibiuse con satisfacción no centro. Para a Directora Adxunta do CiQUS, Dores Pérez, «é importante salientar que nestas avaliacións non só se valora o currículo e o potencial científico dos candidatos, senón tamén a traxectoria dos grupos do CiQUS nos que desenvolverán o seu traballo», asegura. Un éxito persoal, pero tamén colectivo: «este respaldo corrobora a capacidade e competencia dos grupos do centro».
«Estamos moi orgullosos dos nosos investigadores novos», comenta o Director Científico do CiQUS, José Luis Mascareñas. «Este éxito contribúe ao prestixio da institución e confirma a nosa capacidade de atracción de talento; supón un novo salto de calidade en termos de recursos humanos e aumenta as nosas posibilidades de captación de fondos externos», afirma.