CiQUS e Xunta de Galicia, xuntos no retorno do talento investigador

05/05/2022

Conversamos con Marta Castiñeira e Rafael Rodríguez, dous posdocs de volta ao CiQUS tras a súa estancia internacional. Ambos investigadores recibiron bolsas do programa de desenvolvemento do talento da Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é incorporar persoal investigador ao Sistema Galego de I+D+I e que consta de dúas etapas: unha primeira etapa de traballo non estranxeiro para favorecer a adquisición e mellora das competencias do investigador doutor permitindo a súa mobilidade internacional. O programa posibilita, na súa segunda etapa, que o investigador regrese un ano máis a Galicia. Cóntannos a súa experiencia, como viviron a pandemia no estranxeiro e como foi ou seu regreso a Galicia, as oportunidades que lles ofrece o CiQUS e os retos do futuro.

En que país realizaches a estancia e en que liña de investigación traballabas?

R.R. - Era o meu segundo posdoc en Rennes (Francia), son químico de materiais e traballaba con helicenos para facer novos tipos de moléculas fluorescentes activas en CPL que se poden aplicar en pantallas OLED, en métodos de encriptación de seguridade, nos billetes, nas etiquetas… En diferentes campos.

M.C. -Eu estiven de estancia en Holanda, en Groningen, e traballaba no estudo de novos procesos catalíticos mediante o uso de química computacional. Trataba de entender como funcionan estes procesos, de melloralos e facelos un pouco máis “ecofriendly”: tratabamos de cambiar, por exemplo, reactivos ou os catalizadores por alternativas un pouco máis “verdes”.

Que dificultades vos ocasionou a pandemia no voso traballo diario?

R.R.– A nós cortáronnos directamente, dun día para outro tivemos que deixalo todo parado ata mediados de maio aproximadamente. E despois tivemos un corte de subministración de reactivos e disolventes, e ata setembro non obtivemos unha subministración normal, co cal, había semanas que non se podían facer moitas cousas. Durante o tempo de confinamento escribín un capítulo dun libro, un artigo de revisión, acabei artigos da tese… Estivo bastante ben nese aspecto, aínda que foi moi difícil pecharte solo nun piso pequeno, nun país alleo.

M.C – No meu caso, ao ser teórica e traballar co ordenador, puiden seguir traballando e foi unha experiencia diferente. En Holanda o confinamento foi bastante laxo, só uns meses. Neses meses aproveitas para traballar dende a casa: buscar literatura, escribir artigos de revisión… Para min foi máis dramático a parte psicolóxica porque a miña casa era moi pequena e, o feito de estar encerrada e ter que manterme concentrada e non ver as noticias constantemente foi o máis duro. Cando nos reincorporamos a traballar, fixémolo por quendas e foi un pouco latoso, aínda que persoalmente eu agradecino porque me permitiu volver entrar en contacto coa xente.

Que vos aportou persoal e profesionalmente a experiencia laboral no estranxeiro?

R.R.– Profesionalmente, a miña estancia de dous anos e medio en Francia aportoume un novo campo de coñecemento no cal sempre te enfrontas a novos retos. Ao principio arrincar é máis complicado, pero aprendes moito. Tiven a oportunidade de traballar cunha das científicas máis recoñecidas en Europa dentro da área da quiralidade, Dr. Jeanne Crassous.

M.C.  – No meu caso tamén estiven dous anos e medio de estancia coa bolsa da Xunta e permitiume traballar a miña resiliencia a nivel persoal e deume moita independencia. Aínda que me xerou moita inseguridade marcharme e, ao principio, o período de adaptación foi un pouco duro, a experiencia ensinoume do que son capaz e que podo...todos podemos, só hai que intentalo o suficiente ou coas ganas suficientes. Ademais, esta estancia permitiume comprobar de que en España estamos moi ben formados en comparación co resto de Europa, ademais de que temos moita capacidade de traballo. A nivel profesional, permitiume aprender moitísimo, traballar man a man coa Prof. Syuzanna R. Harutyunyan, unha científica moi boa a nivel mundial  e tamén aprender do Premio Nobel Feringa.

Atopas diferenzas substanciais na carreira investigadora dentro e fóra de Galicia?

R.R.– En xeral en España facemos teses moi longas se nos comparamos con Europa, co cal fora de España non conseguen unha formación tan sólida como se consegue aquí. No meu caso foron cinco anos de licenciatura, un de máster e cinco de tese, uns once anos aproximadamente. En Europa acórtase a seis o sete anos de media, polo que é máis eficiente fora de España en termos de tempo, pero non en termos de formación.

M.C.– A nivel formativo, en Holanda sen ir máis lonxe, ao final da súa carreira de catro anos (fronte aos cinco anos de licenciatura nosos) teñen un período de formación de seis meses que é crucial para decidir que queres facer despois. Ademais, os estudantes holandeses saben que cando rematan a carreira non van ter paro, polo que se decides facer unha tese é porque queres, non se fai unha tese por probar ou porque non atopas traballo na industria. Tamén o salario é moito máis alto que en España. É verdade que eu optei pola bolsa da Xunta de Galicia porque me permitiu volver, a cal me parece una bolsa estratéxica porque se investimos miles e miles de euros nunha persoa (no meu caso o Ministerio financiou toda a miña educación), é necesario que se permita a esa persoa volver a Galicia e devolver aquelo que se investiu nela. Facer o contrario e exportar talento e recursos, é algo que non debería formar parte da estratexia dun país.

Fortalezas que destacarías do Centro para investigadores mozos

R.R. – O CiQUS é un centro relativamente novo e as instalacións son punteiras. Non hai moitos sitios que teñan unhas instalacións e infraestruturas tan boas como estas. Pouco a pouco o CiQUS tivo un crecemento exponencial e a calidade media dos traballos que saen de aquí, francamente, é moi boa. Ademais, tamén sobresae como captador de recursos coas súas once ERCs, sendo o primeiro de Galicia y un dos mellores de España.

M.C.– Eu fixen a tese en Vigo, pero vin para o CiQUS porque é un centro recoñecido a nivel mundial. Este centro ten moito prestixio pola calidade do traballo que nel se leva a cabo, e iso sempre axuda e é estratéxico, non só para conseguir financiación, senón tamén para aprender dos mellores. Eu neste ano de retorno espero poder establecer colaboracións internamente no CiQUS, xa que o meu campo profesional ten moito que ofrecer a persoas que estean traballando a nivel experimental: podemos beneficiarnos mutuamente.

Que supón para ti o programa da Xunta de Galicia de desenvolvemento de talento no que te integraches?

R.R – Para min a principal vantaxe que che ofrece o programa da Xunta é que, cunha avaliación exhaustiva, se tes un bo grupo de estancia e un bo grupo de retorno, é accesible. Permíteche irte dous anos ao estranxeiro y retornar a Galicia durante un ano, tempo suficiente para valorar o teu futuro laboral.

M.C. – A bolsa de la Xunta é unha oportunidade única para ver como se fan as cousas fora e aprender moito, e logo aplicalo na fase de retorno. Para min o ano de retorno foi un salvavidas psicolóxico no sentido de que sabes que a estadía fora ten un límite temporal, e iso cando estás comezando dáche forza, porque os comezos nunca son sinxelos e non sempre todo sae ben, aínda que logo con esforzo e ganas a estancia normalmente sae ben e é produtiva.

Que retos te marcas para o futuro a curto e medio prazo?

R.R. – Eu teño moi claro que xa non me movo de Galicia ou España. Non sacrificaría a miña vida por investigar: ir fora implica perder todo o teu arraigo familiar e as túas relacións persoais. Intentarei proseguir coa miña carreira en Galicia ou España aplicando tanto ao programa Ramón y Cajal como convocatorias europeas como a Starting Grant pero eu prefiro calidade de vida e se me teño que reciclar, fareino.

M.C. – Gustaríame ter unha carreira en investigación: gústame o que fago, gústame a docencia e gústame investigar. Creo que estou no sitio correcto. Vou pelexar por unha Ramón y Cajal e vou intentar conseguir financiación europea (ERC) cando chegue o momento… a iso é ao que aspiro. E gustaríame facelo en España, pero tampouco vou ceder todo por quedarme aquí. Creo que esta é a lección máis importante, ou una das máis importantes, que me levo do posdoc. En España faise boa ciencia, pero hai outros sitios onde se fai moi boa investigación tamén e onde as persoas que queren traballar, que teñen ideas e que teñen ganas, son valoradas. Entón, se no meu país non me valoran, vou ir onde me queiran.

Vídeo Marta Castiñeira

Vídeo Rafael Rodríguez