O mundo tal e como o coñecemos hoxe é posible, en gran parte, grazas aos avances da química. A química foi e é clave para o desenvolvemento de medicamentos e métodos de diagnóstico e, con iso, aumentar a esperanza e a calidade de vida; a creación de novos materiais e tecnoloxías sostibles, a implantación de fontes de enerxía renovables como o hidróxeno verde, etc. Contribuír ao avance do coñecemento e ao progreso da sociedade está escrito no ADN da investigación en química, e é a motivación fundamental para o traballo que se desenvolve no CiQUS.
O CiQUS é un centro de investigación en química, pero cun enfoque multidisciplinar que abarca desde traballos en síntese ou en química biolóxica e biomedicina, ata o desenvolvemento de novos materiais moleculares. Foi o primeiro centro singular da USC en abrir as súas portas en 2011. Para levar a cabo a ciencia da excelencia, o centro conta cun equipo de investigadores recoñecidos internacionalmente, e coida de xeito exquisito atraer e formar novos talentos, e trasladar o coñecemento á sociedade.
Ao longo destes anos, a política científica levada a cabo no centro permitiu xerar un ambiente moi estimulante e motivador para que os científicos poidan traballar en condicións, e así afrontar retos e proxectos de gran envergadura con garantías, e en moitos casos de alto risco. Estes proxectos abranguen investigacións de tipo máis fundamental, dirixidas a coñecer máis ou crear novas ciencias, cun traballo máis orientado á innovación e propoñendo solucións a retos sociais concretos. Esta combinación, realizada con rigor e eficacia, é o que levou ao centro a converterse nun referente internacional no ámbito da química multidisciplinar.
Ademais dos innumerables avances en química fundamental, publicados nas mellores revistas científicas do mundo, como Science ou as do grupo Nature, nos últimos anos xeráronse métodos e tecnoloxías que poden ter un impacto inmediato na sociedade. En concreto, estamos orgullosos de apoiar proxectos como a procura dunha vacina contra o COVID baseada en tecnoloxía propia; o desenvolvemento de novas técnicas terapéuticas baseadas en enzimas artificiais para a loita contra o cancro e outras enfermidades; descifrar o potencial tecnolóxico de materiais como o grafeno e outros, con potencial aplicación en tecnoloxías, enxeñaría, novas enerxías... Desde a biomedicina, pasando por materiais funcionais ou o desenvolvemento sostible, conforman un ecosistema de espazos de investigación que fan do CiQUS un actor polivalente e altamente capacitado para afrontar moitos retos.
Un ecosistema fértil e robusto, que celebra unha década de vida e celébraa mirando cara adiante con optimismo. Por que? Porque chegamos aquí polo camiño correcto. O da harmonía na nosa estrutura, o noso equipo humano multidisciplinar, un exemplo de talento e profesionalidade; as nosas sinerxías, a nosa infraestrutura, un modelo de innovación e de autoesixencia e rendición de contas; o apoio de entidades rexionais, nacionais e internacionais; a rede de colaboración con centros de todo o mundo que nos ofrecen estar á vangarda... En definitiva, unha engrenaxe perfecta para seguir avanzando e estar entre os mellores centros de química multidisciplinar do mundo, e con ela prestixiar a Galicia e a nosa Universidade.
José Luis Mascareñas
Director Científico CiQUS