Investigadores do CiQUS abren unha nova vía para mellorar o pregamento dos polímeros en forma de hélice, evitando o uso de estímulos externos. O traballo publícase na prestixiosa revista científica ‘Journal of the American Chemical Society’ (JACS).
![]() |
Sandra Arias y Rafael Rodríguez, autores del trabajo. / Archivo |
Investigadores do grupo do CiQUS ‘NANOBIOMOL’, especialistas en polímeros helicoidais (con forma de hélice), veñen de publicar na revista JACS un novo traballo no que demostran como diferentes fragmentos dunha cadea polimérica poden chegar a comunicarse entre si, actuando de xeito cooperativo para conseguir que un polímero adopte unha estrutura helicoidal definida en base ao labor conxunto das súas distintas partes. E a este novo mecanismo de indución dun sentido de xiro helicoidal nun polímero déronlle un nome: «coalición quiral».
O estudo foi posible tras elaborar unha serie de copolímeros –polímeros formados por dúas unidades estruturais diferentes—, un proceso de síntese no que se tiveron en conta os distintos parámetros dos seus compoñentes; os investigadores conseguiron así determinar cales dos mecanismos de comunicación que teñen lugar dentro da cadea polimérica permiten obter o mellor pregamento posible en forma de hélice.
A importancia dunha estrutura helicoidal
![]() |
Figura. Amplificación do sentido de xiro helicoidal a través do mecanismo de coalición quiral. |
Do mesmo xeito que sucede no caso das biomoléculas, como o ADN (con forma de dobre hélice) ou as proteínas (de estrutura hélice alfa), a singularidade helicoidal dos polímeros está directamente relacionada coa súa función: unha mellora no pregamento da súa estrutura secundaria pode producir un incremento notable nas funcións e aplicacións que desempeñan estes materiais, como recoñecemento quiral, fases estacionarias quirais para purificacións de sustancias similares, síntese asimétrica, etc.
Os resultados do traballo abren unha nova vía para mellorar o pregamento dos polímeros helicoidais e evitan o uso de estímulos externos ata agora necesarios, como alteracións de temperatura, polaridade de disolventes, adición de moléculas quirais ou mesmo sales metálicas. O traballo foi realizado polos investigadores do centro Sandra Arias e Rafael Rodríguez, baixo a dirección dos profesores Emilio Quiñoá, Ricardo Riguera e Félix Freire.