Os investigadores Martín Fañanás e Moisés Gulías foron galardoados co Thieme Chemistry Award 2015, un premio concedido polos comités de redacción das revistas científicas Synlett, Synthesis e Synfacts que cada ano recoñece o labor de 60 mozos docentes en todo o mundo ao comezo da súa carreira científica, concedendo aos seleccionados acceso libre e gratuíto ás tres revistas como mostra de apoio, tanto a través da súa versión electrónica como impresa. O CiQUS reúnese con eles para coñecer as súas impresións.
Como recibistes a noticia? Esperabádela?
Martín Fañanás: Recibín a noticia por correo electrónico. Non o esperaba, pero foi unha sorpresa moi agradable.
Moisés Gulías: O certo é que non o esperaba, porque non é un premio ao que te presentas, o comité editorial de SYNTHESIS, SYNLETT and SYNFACT escolle libremente a xente que consideran máis axeitada.
Afrontádelo máis como un recoñecemento ou como un desafío cara ao futuro? Que significa este premio no voso labor de investigación?
M.F: Como ambos os dous. Como recoñecemento ao labor científico levado a cabo ata o momento e como ánimo para seguir na mesma liña, sabendo que hai un apoio por parte da comunidade científica.
M.G: Enténdoo máis como un desafío de cara o futuro, unha responsabilidade, de que existe un interese pola investigación que estou a realizar. Polo tanto é unha motivación para continuar con este traballo e encarar novos desafíos.
Cales son o voso ámbito de traballo e os vosos próximos retos científicos?
M.F.: A miña liña de investigación céntrase no desenvolvemento de novos procesos catalíticos de alta eficiencia atómica no ámbito da química sostible. Un dos principais obxectivos é a creación de métodos para a conversión de materias primas, como por exemplo hidrocarburos, en produtos de alto valor sintético ou con potencial actividade biolóxica.
M.G.: O meu traballo céntrase no desenvolvemento de novos métodos de funcionalización de enlaces carbono-hidróxeno mediante catálise metálica. O que na práctica significa que pretendemos facer máis directo, económico, sinxelo e á vez menos contaminante o acceso a fármacos e outros compostos bioloxicamente activos, principalmente aqueles que teñen un esqueleto heterocíclico, que son a maioría.
Que representa para vós traballar no CiQUS e en Campus Vida?
M.F.: O CiQUS posúe unhas instalacións de moi alto nivel, feito que facilita claramente o desenvolvemento da actividade científica. Ademais, o poder traballar nun ámbito con científicos de diferentes especialidades ofrece a posibilidade de realizar investigacións de carácter multidisciplinar e de alta relevancia.
M.G.: Traballar no CiQUS é unha grande oportunidade. As infraestruturas son excelentes e facilitan o ambiente competitivo e as redes multidisciplinares, o que sempre axuda a establecer colaboracións e afrontar as investigacións máis ambiciosas.