A editorial Springer inclúe dous novos traballos do CiQUS na súa serie de publicacións sobre Bioloxía Molecular

10/11/2015

Dous capítulos redactados polos grupos dos profesores F. Javier Benavente, José M. Costas e Eddy Sotelo foron incluídos en senllos libros da serie de publicacións «Series Title Methods in Molecular Biology».


Dous libros publicados recentemente pola editorial Springer recollen nas súas páxinas interiores o traballo dos grupos de investigación do CiQUS liderados polos profesores Eddy Sotelo e Benavente-Martínez Costas, que selaron a súa participación en ámbalas dúas publicacións en forma de capítulo.

No caso do Sotelo Group, o traballo é froito da colaboración do grupo co Departamento de Bioloxía Celular  Molecular da Universidade de Uppsala. Os investigadores contribuíron co seu coñecemento á publicación do libro G Protein-Coupled Receptor Screening Assays. concentrando a súa achega ao longo do capítulo Computer-Aided Design of GPCR Ligands. No traballo participaron os investigadores Hugo Gutiérrez-de-Terán, Henrik Keränen, Jhonny Azuaje, David Rodríguez , Johan Åqvist , e o propio Eddy Sotelo.

Pola súa banda, o grupo Benavente-Martínez Costas publicou recentemente o capítulo Using IC-Tagging Methodology for Production and Purification of Epitope-Loaded Protein Microspheres for Vaccination. Este estudo forma parte do libro Vaccine Technologies for Veterinary Viral Diseases, e foi desenvolvido por Natalia Barreiro-Piñeiro (autora, ademais, da portada do libro), Rebeca Menaya-Vargas, Alberto Brandariz-Núñez, Iria Otero-Romeu, Irene Lostalé-Seijo, Javier Benavente e José M. Martínez-Costas.

Ámbalas dúas publicacións forman parte da serie sobre Bioloxía Molecular Series Title Methods in Molecular Biology, lanzada pola editorial Springer para introducir paso a paso os protocolos de aproximación científica usados polos biólogos ao longo dos últimos 30 anos, e que segundo a propia editorial converteuse xa no estándar de tódolos protocolos de publicación biomédica.