'Cocolito fósil nun mar de polímero' de Manuel Gómez e Massimo Lazzari foi seleccionada, xunto a outras 48 imaxes, para formar parte da exposición itinerante do certame de fotografía científica FOTCIENCIA13, que recorrerá diversos centros e museos de toda España durante 2016.
A imaxe amosa unha estrutura calcárea xerada por un tipo de organismo unicelular denominado cocolito, que produce escudos para protexerse. Os cocolitos son organismos marinos que contan con varios millóns de anos, e permiten traza-la evolución da vida e as costas ao longo de periodos temporais enormes. Segundo describen os autores “o interesante e bonito desta imaxe é que nos serviu para interconecta-lo noso traballo en ciencia de materiais coa labor de biólogos mariños e paleobiólogos”.
FOTCIENCIA, convocado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), cumpre este ano a súa decimoterceira edición co obxectivo de achega-la ciencia e a tecnoloxía á sociedade mediante unha visión artística e estética suxerida a través de imaxes científicas, coa fin de apostar por unha divulgación que contribúa ao aumento da cultura científica.
Apuntes do autor
Ás veces atópaste con sorpresas. Estabamos a facer un composite cun novo polímero e unha arxila. Ao estudar a estrutura por microscopía electrónica de varrido atopámonos con esta estrutura perfectamente regular, e cunha forma ben definida. A arxila procedía do Sahara, na parte sur de Tunes, e este pequeno obxecto resultou ser unha estrutura calcárea xerada por un tipo de organismo unicelular chamado cocolito, que produce este tipo de escudos para protexerse. Son organismos mariños, e a súa idade pode ser de varios millóns de anos, cando o mar bañaba esa parte do deserto que hoxe podemos ver. Estes fósiles permiten a outros investigadores trazar a evolución da vida e das costas ao longo de períodos temporais enormes. O interesante e bonito desta imaxe é que nos serviu para interconectar o noso traballo en ciencia de materiais co traballo de biólogos mariños e paleobiólogos... E é que a ciencia, se se comparte, é aínda mellor.