O Grupo de Química Biofísica presenta un relatorio invitado no 248 Congreso Nacional da Sociedade Americana de Química

30/07/2014

José Luís Pérez Lustres será relator invitado no simposio "Photoinduced Proton Transfer in Chemistry and Biology", no que presentará o traballo do grupo de Química Biofísica, Fotofísica e Espectroscopía sobre o mecanismos de transferencia protónica ao disolvente.

O simposio está organizado pola División de Química Física da American Chemical Society e terá lugar do 10 ao 14 de agosto en San Francisco (USA) dentro do 248th ACS National Meeting. Cada ano, a División de Química Física selecciona unha serie de áreas de especial interese que son abordadas multidisciplinarmente por científicos de todo o mundo.

A transferencia protónica é unha destas áreas e o simposio versará sobre os modelos de reacción e a influencia que exerce a contorna sobre os mesmos. A forma de entender o proceso evolucionou rápidamente grazas aos novos exemplos de reacción en medios biolóxicos complexos e, sobre todo, grazas á crecente resolución espectro-temporal dos nosos experimentos. En paralelo, xurdiron novas aplicacións como sondas moleculares que poden provocar saltos rápidos de pH ou compostos cuxa actividade óptica xorde da súa capacidade para participar en reaccións de transferencia protónica fotoinducida.

A nosa contribución mostrará como podemos separar cinéticamente as etapas fundamentais de reacción: relaxación do disolvente, ruptura do enlace e separación difusional dos produtos da transferencia protónica ao disolvente. Analizaranse exemplos ilustrativos de diferentes situacións límite.

 

 

Máis información

Conference: http://www.acs.org/content/acs/en/meetings/fall-2014.html
Simposio de Transferencia protónica fotoinducida: http://phys-acs.org/symposia/F2014.html