- O proxecto Spacing, que será financiado con 1,5 M€, explorará unha tecnoloxía baseada en ADN para o desenvolvemento de novas nanomedicinas
- É a sexta persoa do centro que recibe unha axuda do ERC, un dos programas de financiación científica de maior prestixio internacional
A convocatoria 2020 do programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (European Research Council - ERC) financiará o proxecto Spacing, liderado por Beatriz Pelaz, investigadora do CiQUS da USC. Este programa europeo ten como obxectivos promover a excelencia científica financiando proxectos de investigación na fronteira do coñecemento, recoñecendo e impulsando as carreiras profesionais de mozos científicos (entre 2 e 7 anos desde a obtención do título de doutoramento). Trátase dunha convocatoria moi selectiva, e de gran prestixio internacional, e un dos indicadores máis relevantes de excelencia científica.
O proxecto Spacing, financiado por Europa con 1,5M€, tratará de desenvolver unha nova tecnoloxía baseada en ADN que permita a modificación da superficie de nanomateriales, en particular nanopartículas. O obxectivo, segundo explica a investigadora Beatriz Pelaz, consiste en "producir impresoras nanométricas para imprimir certos patróns moleculares (ligandos) na superficie de nanopartículas, inspirándonos, por exemplo, nas envolturas proteicas dalgúns virus, críticos para determinar a súa infectividade". A multifuncionalidade, robustez e precisión desta innovadora tecnoloxía pretende sentar as bases para desenvolver nanomedicinas máis eficientes e entender mellor "como funcionan as interaccións entre os ligandos das nanopartículas con células", engade.
Éxito na captación de talento
Beatriz Pelaz licenciouse en Química pola Universidade de Valladolid (2005) e en Bioquímica pola Universidade de Zaragoza (2011). En marzo do 2012, obtivo o seu título de doutoramento con mención Europea pola Universidade de Zaragoza. De Xuño de 2012 a finais de 2016, Beatriz foi membro do grupo do Profesor Wolfgang J. Parak na Philipps-Universität Marburg, en Alemaña. Primeiro, como investigadora postdoutoral e a posteriori como investigador do programa Humboldt. Desde Xaneiro de 2017, colidera o grupo BionanoTools no CiQUS da USC, primeiro como investigadora principal dun proxecto para mozos investigadores (JIN, MINECO), e desde 2019 como investigadora Ramón e Cajal. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de materiais intelixentes controlables remotamente e o estudo da súa interacción con entidades biolóxicas.
A concesión desta axuda pon de manifesto non só o posicionamento do CiQUS e da USC en Europa, senón tamén o seu potencial na captación de talento a través da incorporación ao seu equipo de investigadores de proxección internacional sen vínculo previo con Galicia, como é o caso de Beatriz Pelaz.
Sobre ERC
O Consello Europeo de Investigación (ERC), creado pola Unión Europea en 2007, selecciona e financia cada ano a un grupo de investigadores de calquera nacionalidade e idade para executar proxectos de gran novidade e impacto. O proceso de selección é moi competitivo e selectivo, e ten unha taxa de éxito menor do 10%. Hai tres convocatorias para diferentes etapas da carreira científica (Advanced, Consolidator ou Starting Grants), así como convocatorias específicas para a transferencia de tecnoloxía (Proof of Concept).
Antes desta concesión, cinco investigadores do CiQUS foran galardoados con axudas do Consello Europeo de Investigación, a través de oito proxectos desenvolvidos no centro (1 Advanced Grant, 1 Consolidator Grant, 3 Starting Grant e 3 Proof of Concept), que suman ao redor de 9,5 millóns de euros de financiamento captado.