O certame de microfotografía da 38th International Conference on Micro and Nano Engineering (MNE 2012) premiou con mención de honra (honorable mention) dúas imaxes presentadas polo estudante de doutoramento do CIQUS Manuel Gómez, do grupo de Massimo Lazzari. Ambalas dúas imaxes corresponden con modelos “bio” empregados para ensaiar a capacidade de nano-replicación cos polímeros sintetizados neste grupo de investigación e realizáronse na unidade de microscopia dos servicios de apoio á investigación da USC (RIAIDT).
A primeira imaxe, titulada orixinalmente “Bright Tower” e retitulada polos xuíces como “Chicago Parking Structure”, corresponde a unha estrutura fotónica que produce cores moi brillantes en iluminación con luz branca (color estrutural), mentras que a segunda fotografía, orixinalmente titulada “Nanoworld Monster”, representa un detalle do esqueleto silícico dunha diatomea da familia Fragiliaria, facilitada por Rafael Carballeira, do Departamento de Botánica da USC, que o equipo de Lazzari emprega para replicar con polímero dadas as reducidas dimensións das súas estruturas.
A International Conference on Micro and Nano Engineering é o evento máis importante a nivel europeo en temas de micro e nanofabricación, así como nas súas aplicacións en electrónica, fotónica, electromecánica e en ciencias ambientais e da vida. Na súa edición de 2012 (MNE 2012) contou con casi 800 participantes e unhas 600 contribucións organizadas en catro campos principais: Micro- e nanolitografía, Micro- e nanofabricación/Micro-nano enxeñería, Micro e Nanosistemas e Micro-nanodispositivos e sistemas para bioloxia, quimica e medicina.
Cómpre subliñar que Manuel Gómez xa recibira unha mención honorífica no concurso fotográfico celebrado na edición do ano 2011 deste mesmo congreso.