O investigador principal do CiQUS Diego Peña Gil recibe a ‘Medalla Ignacio Ribas 2018’, un recoñecemento a nivel nacional que concede cada ano o Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Unha publicación de alto impacto na revista ‘Science’ e o recoñecemento dos seus colegas en 2018 como mellor traxectoria científica nos últimos anos a nivel nacional; en menos de dúas semanas, o investigador do CiQUS Diego Peña Gil, profesor titular do Departamento de Química Orgánica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), volve ser noticia pola ‘Medalla Ignacio Ribas’, un dos premios que concede anualmente o Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). O premio, dirixido a químicos socios do GEQOR que presenten unha traxectoria ascendente nos últimos cinco anos, recae por terceira vez nun investigador do centro, tralos recoñecementos previos aos profesores Carlos Sáa (2012) e Juan Granja (2014).
«Supón unha gran satisfacción recibir un recoñecemento así», afirma Peña Gil. «Diría mesmo que para alguén coma min é unha honra aínda maior por tratarse dun premio asociado á memoria de Don Ignacio Ribas, un dos pioneiros da Química Orgánica en España, que achegou tantas cousas traballando desde nosa mesma institución, a USC». O profesor Diego Peña quixo tamén poñer de relevo a súa satisfacción por ser incluído na lista de investigadores premiados: «é un orgullo que os meus colegas me tiveran en conta á hora de incluírme nun grupo tan prestixioso», asegura.
A entrega da medalla realizarase durante a celebración da XXVII Reunión Bienal do GEQOR, que se celebrará en Santiago de Compostela do 20 ao 22 de xuño de 2018.