O CiQUS acolleu hoxe un encontro con Nacho Mirás, escritor e xornalista de La Voz de Galicia. Tras unha visita polas instalacións, ao longo da cal os organizadores explicaron brevemente o labor desenvolvido nos laboratorios do centro, o salón de actos encheuse de investigadores para asistir a unha charla-coloquio co autor do libro «El mejor peor momento de mi vida».
Fundamentado nas numerosas entradas publicadas nos últimos anos no seu blog persoal (rabudopuntocom), o autor relata nesta obra o seu xeito de afrontar a noticia que cambiou a súa vida: un tumor cerebral que lle foi diagnosticado no ano 2013. Tanto nas páxinas deste libro como no blog, así como na propia charla, Nacho Mirás mostrou un discurso cheo de optimismo e vitalidade que sorprendeu a moitos, pola valentía e o sentido do humor cos que se enfronta ao cancro.