Nova achega do grupo Nanobiomol na revista JACS

27/05/2019

Un novo traballo do grupo liderado polos profesores Félix Freire e Emilio Quiñoá demostra que é posible separar mesturas racémicas de compostos mediante o uso de polímeros helicoidais dinámicos, como fase estacionaria de Cromatografía Líquida de Alta Resolución (HPLC , polas súas siglas en inglés).


O grupo de investigación do CiQUS Nanobiomol, dentro da súa liña de investigación sobre polímeros helicoidais dirixida por Félix Freire e Emilio Quiñoá, publicou na revista JACS (Journal of the American chemical Society) un novo traballo no que se demostra a capacidade da estrutura helicoidal (e aínda máis especificamente, do seu sentido de xiro) para separar mesturas racémicas de compostos quirais. O artigo, desenvolto en colaboración co grupo do Prof. Katushiro Maeda (Xapón), describe tamén que é posible mudar as propiedades da fase estacionaria cambiando o sentido de xiro da hélice do polímero; deste xeito, os investigadores puideron estudar como afecta a estrutura secundaria do polímero (é dicir, a hélice), na separación de enantiómeros . 

Para iso, o equipo do CiQUS empregou un polímero helicoidal dinámico como fase estacionaria de cromatografía líquida de alta resolución. A adición de sales metálicos na fase móbil permitiu cambiar o sentido de xiro da hélice dentro da columna de HPLC e, consecuentemente, estudar o papel da hélice na separación de racematos .

O traballo foi desenvolvido fundamentalmente polo estudante de doutoramento Asahi Isobe, que realizou unha estancia de investigación no grupo Nanobiomol financiada a en o marco do programa de bolsas xaponés 'TOBITATE'.

Referencias

A Three-State Switchable Chiral Stationary Phase Based on Helicity Control of an Optically Active Poly(phenylacetylene) Derivative by Using Metal Cations in the Solid State DOI: 10.1021/jacs.9b03177

Divulgación: «Novos materiais baseados en polímeros helicoidais»